e-distrito


Ratificada a condena a exdirectivos de NCG debido a "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal"

Ratificada a condena a exdirectivos de NCG debido a "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal"

  Confírmase a pena de dous anos de cárcere que impuxo a Audiencia Nacional a cinco ex-directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións por prexubilación e outros conceptos.

  14 setembro 2016 

  A Sala do Penal do Supremo vén de confirmar a pena de dous anos de cárcere que impuxo a Audiencia Nacional a cinco ex-directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións por prexubilación e outros conceptos (por importe de 22 millóns de euros) que se concederon a si mesmos a través da modificación dos seus contratos de alta dirección no ano 2010. Con todo, o alto tribunal cualifica de "desproporcionada" a condena de dous anos, pero non por que sexa excesiva, tal e como argumenta a defensa, "senón claramente pola súa exigüidade desde a perspectiva da gravidade das condutas".

  E por que non pode establecer o Supremo novas penas que incrementen as establecidas pola Audiencia Nacional? Tamén o aclara: por non ser cuestionada polas partes litigantes. Ademais, insiste en que os directivos levaron a cabo "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal" e non "meros excesos ou abusos" no marco das súas competencias. E insiste en que os seus actos "non poden interpretarse como o resultado de actos de deslealdade co patrimonio administrado ou froito de deciciósn equivocadas na administración", senón que fixeron súas as cantidades millonarias "a través dun mecanismo expropiatorio que vai moito máis alá da adoptción de actos erróneos na administración". 

  A nómina de condenados encabézaa quen fora amo e señor de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que non se asignou indemnización ningunha pero a quen a Audiencia Nacional considerara responsable do acontecido. Canda el está José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada, a cal abandonou cunha compensación de 7 millóns de euros. Condénase tamén a Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade e levou unha indemnización de case 5 millóns, e mais a Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas indemnizado con 700.000 euros. 

  O avogado Ricardo Pradas, asesor de confianza de Gayoso completa unha nómina de condenados que, segundo a sentenza da Audiencia Nacional, cometeron un delito de administración desleal "en concurso cun de apropiación indebida, na súa modalidade de xestión desleal".

  A Sala da Audiencia Nacional que xulgou os exdirectivos destacara no seu ditame que éstes se beneficiaron das prexubilación millonarias, coa "colaboración esencial e imprescindible" de Gayoso e do seu asesor "urdiron un plan para que os catro altos directivos que se ían ocupar da xestión" de Novacaixagalicia resultasen economicamente "beneficiados" no suposto "máis que probable" de que "unha vez acabadas as axudas públicas, os novos propietarios da entidade decidisen prescindir dos seus servizos" por seren "os máximos xestores das caixas que non souberan xestionar axeitadamente", levándoas "á situación de práctica insolvencia na que se atopaban".

  Derivación libre de Praza Pública

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.