e-distrito


Alertan da elevada presenza de microplásticos nos peixes de especies comerciais

Alertan da elevada presenza de microplásticos nos peixes de especies comerciais

  O IEO atopou compostos sintéticos en pescadas, salmonetes de lama, melgachos e bogas capturadas no Atlántico e o Mediterráneo.

  28 setembro 2016

  Dous traballos publicados por investigadores do Instituto Español de Oceanografía veñen de revelar que unha elevada porcentaxe dos peixes de especies comerciais presentes nas costas españolas do Atlántico e do Mediterráneo teñen microplásticos nos seus estómagos.

  No primeiro dos estudos, recentemente publicado na revista Marine Pollution Bulletin, e no que participou o Centro Oceanográfico de Vigo, analizáronse un total de 212 peixes de fondo de gran interese comercial: 72 melgachos, 12 pescadas e 128 salmonetes de lama. En total, 37 destes animais, un de cada seis, tiñan restos de microplásticos no seu corpo. 

  A maior presenza destes compostos sintéticos detectouse nos salmonetes de lama, seguidos das pescadas e os melgachos. As tres especies adoitan empregarse como bioindicadores da contaminación mariña. En canto ás rexións xeográficas, a presenza foi maior nas augas do Mediterráneo, especialmente nas próximas a Barcelona. Tamén destacan as cifras de plásticos que apareceron nos melgachos do Cantábrico e do Golfo de Cádiz. Juan Bellas, coordinador do estudo, sinala que aínda que “non existen evidencias de efectos negativos na saúde humana, sería conveniente estudar” a relevancia destes achados.

  A segunda das investigacións, publicada en Environmental Pollution, estudaba a presenza de microplásticos no tracto gastroinstestinal da boga, un peixe común no Mediterráneo, especialmente arredor das Baleares. As autoras do traballo, Salud Deudero e Carmen Alomar, sinalan que case o 70 por cento das bogas estudadas conteñen polímeros de plástico menores de 5 milímetros nos seus estómagos. Os indicios apuntan a que a contaminación por plástico nas costas de Mallorca e Ibiza é ampla e procede de múltiples fontes. “Os resultados son importantes e proporcionan evidencias da presenza destes compostos do medio mariño, podendo ser inxeridos pola biota e transferidos nas redes tróficas”, sinalan as autoras. 

  Derivación de GCiencia

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.