e-distrito


Grupos ecoloxistas cren que a prórroga da UE ao glifosato está motivada no interese de Monsanto de vender excedentes.

Grupos ecoloxistas cren que a prórroga da UE ao glifosato está motivada no interese de Monsanto de vender excedentes.

  Esta prórroga produciuse ata decembro do 2017, data en que a Axencia Europea de Produtos Químicos avaliará se é ou non canceríxeno.

  30 setembro 2016

  O pasado xuño, a Unión Europea prorrogou en 18 meses a autorización do uso do glifosato en territorio comunitario a poucos días do día 30, no que expiraba ese permiso. A polémica sobre os efectos reais do seu uso na saúde humana e no medio ambiente foi e é constante e as diferenzas entre as posicións dos diferentes Estados, moi evidentes. Francia e Malta estiveron sempre en contra, mentres que Alemaña, Italia, Portugal, Austira, Grecia, Luxemburgo ou Grecia se abstiñan. Os 19 países restantes -entre eles o Estado español- votaron a favor da proposta da Comisión Europea (CE) de prorrogar en nove anos a autorización, pero non representaban o 65% da poboación comunitaria que esixe a maioría cualificada. A CE tomou así a decisión de prolongar o permiso até decembro até final de 2017, período de tempo no que a Axencia Europea de Produtos Químicos avaliará se a exposición humana ao glifosato provoca ou non cancro. Velaí a cuestión. 

  O glifosato é o herbicida máis empregado na UE. "Serve para todas as situacións nas que unha especie vexetal invasora pon en risco un cultivo", explica Óscar Antón Pérez, enxeñeiro técnico agrícola ben coñecedor do produto, que lembra que é tan utilizado polo "seu amplo espectro". "Ten patente libre, ao contrario do que pensa a xente, e é empregado por case todas as marcas, ademais de estar autorizado para case todos os cultivos, agás aqueles aos que pode afectar cando xa está crecido", explica.

  En Europa, hai á venda máis de 300 herbicidas baseados no glifosato e de 40 compañías diferentes. En marzo de 2015, un informe da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), integrante da Organización Mundial da Saúde (OMS) aseguraba que hai "probas limitadas" de que é un produto canceríxeno. Sete meses maís tarde, a Autoridade Europea para a Seguranza Alimentar (EFSA), independente e financiada pola UE, viraba para considerar "pouco probáble" que o glifosato "teña perigo carinoxénico para os humanos". Xa en maio de 2016, un comité conxunto da OMS e a FAO concluía tamén que era "pouco probábel" que teña "risco carcinoxénico" nos humanos pola exposición a través da dieta, pero negaba que o seu relatorio contradicise o da IARC por ser avaliacións "diferentes mais complementarias": o primeiro centrábase no risco en xeral e o segundo no que ten para a saúde dos consumidores centrándose na exposición aos residuos contidos nos alimentos.  

  "O que di a OMS é que hai evidencia científica demostrada de que unha exposición prolongada a el pode desenvolver algún tipo de cancro en persoas expostas, pero a súa clasificación está ao mesmo nivel que o viño ou certas substancias derivadas do churrasco", explica Óscar Antón Pérez, que aclara que o herbicida "non é un directo carcinóxeno como o amianto". E insiste: "Todo é perigoso segundo a dose, pero estamos a falar de substancias perigosas como o glifosato e outros tantos fitosanitarios moi utilizados, como os insecticidas para as moscas, que están ao mesmo nivel". "Se unha persoa bebe máis de seis litros de auga seguidos, ten un 50% de posibilidades de morrer", exemplifica. 

  Desde Galicia, onde concellos como Gondomar, Nigrán, Marín, Combarro, Ames, Santiago, Brión, Poio, Miño, Ponteareas, ou Ourense declaráronse libres de glifosato, organizacións como Adega ou Fumigacións Non cren que "o glifosato será definitivamente prohibido" en 2018, polo que entenden que "este período de graza concedido pola UE servirá unicamente para que Monsanto poida dar saída aos stocks deste veleno". Ademais, lembra que España "é un dos máis firmes defensores" do produto "malia as evidencias da súta toxicidade e o máis elemental principio de precaución". Ao tempo, denuncia que son moitas as estradas e camiños que as administracións ou empresas públicas fumigan con este herbicida, tamén as vías de tren por parte do Adif. Mesmo se denuncia que, ante a masiva presenza de eucaliptos, o produto é o prinipal usado por ENCE nas plantacións. 

  A plataforma Fumigacións Non leva tempo falando cos partido para "abrir un debate parlamentario e chegar a un acordo para deixar de utilizar glifosato en traballos levados a cabo polas diversas administracións públicas galegas polos perigos que entraña o seu uso". 

  Derivación libre de Praza Pública.
  Foto: GCiencia

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.