e-distrito


ADIF omitiu información relevante sobre Angrois "por erro" durante tres anos.

ADIF omitiu información relevante sobre Angrois "por erro" durante tres anos.

  Xa a Axencia Europea de Ferrocarril desautorizara a investigación española. O recoñecemento do erro chega unha semana despois das eleccións.

  Tanto o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias ADIF como RENFE basearon a súa versión dos feitos na culpabilidade exclusiva do maquinista. PP e Psoe impediron que a cámara galega abrise unha comisión de investigación.

  04 outubro 2016

  Tres anos despois, Adif di que vén de decatarse agora de que “por erro” non entregara aínda documentación relevante no xulgado que investiga o accidente de tren de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas ás portas de Santiago. En concreto, a empresa pública xestora da rede ferroviaria entregou este luns no xulgado a documentación sobre a análise de riscos que supostamente realizou sobre a liña de AVE Ourense-Santiago antes da súa posta en funcionamento, avaliación posta en dúbida por varios peritos e partes da causa.Adif pretende que eses máis de 300 folios sexan analizados e tidos en conta en dous días polos dous peritos que este mércores están chamados a ratificar as súas conclusións, elaboradas sen contar con estes documentos, de que a empresa pública non analizara correctamente o risco dun accidente como o que ocorreu. Avogados das partes xa estudan pedir que se adíe esa comparecencia para poder estudar mellor a nova documentación. 

  Ao longo do outono de 2013, nos meses posteriores ao accidente de tren do 24 de xullo daquel ano, Adif foi entregando no xulgado, a petición do entón instrutor, o xuíz Luis Aláez, toda a documentación que dicía ter sobre a liña Ourense-Santiago e os diversos permisos para a súa posta en servizo. Porén, tres anos despois, e logo de que varias das partes advertisen reiteradamente durante este tempo de que non se achegara á causa a análise de riscos realizada sobre a liña, Adif entrégaa agora no xulgado. A documentación preséntase acompañada dun escrito da avogada do Estado no que di que “no dossier de seguridade [da liña de AVE Ourense-Santiago] achegado no seu día polo Adif comprobouse que se omitiron por erro determinados documentos”, entre os que cita “as Análises Preliminares de Riscos” e outras táboas con datos sobre eses estudos. No escrito admítese que o agora revelado “se trata de documentos relevantes” e pídese que sexan “tidos en conta por todas as partes no acto de ratificación de informes periciais” convocado para este mércores. 

  Dentro de dous días están citados no xulgado dous peritos que consideran que Adif non analizara como debera o risco de que na liña de AVE Ourense-Santiago ocorrese un accidente como o de Angrois. Nel, o maquinista, despistado logo de recibir unha chamada do interventor do tren, non freou a tempo antes de chegar á curva e descarrilou provocando 80 mortos sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu erro. 

  Adif e Renfe sempre mantiveron que ningunha norma esixía máis medidas de seguridade, que se implantaron despois, e que o risco quedara “exportado” ao maquinista, único responsable de controlar en todo momento a velocidade. Así o considera tamén o actual xuíz instrutor da causa, Andrés Lago, e o fiscal, Antonio Roma, que propuxeron pechar a instrución e xulgar só ao condutor. Porén, a Audiencia Provincial da Coruña considerou en maio que se debían analizar mellor as dúbidas expresadas por varios dos peritos sobre se Adif cumprira ou non as normas ao realizar a análise de riscos que deitara toda a responsabilidade no maquinista. Documentación “relevante” sobre esa análise de riscos é a que agora, tres anos despois, entrega Adif no xulgado.

  A entrega desta documentación prodúcese logo de que o ministro en funcións de Fomento, Rafael Catalá, secretario de Estado cando o sinistro, ao igual que a anterior titular agora presidenta do Congreso, Ana Pastor, e os responsables de Adif e Renfe reiterasen en numerosas ocasións ao longo destes máis de tres anos a súa colaboración coa xustiza e ofrecesen “transparencia” ás vítimas. Este diario pediu a Adif máis explicacións sobre o sucedido e agarda aínda resposta.

  Derivación libre de Praza Pública.
  Foto: Sumario xudicial.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.