e-distrito


Os fondos europeos Eidus desatan o cinismo de prensa e partidos políticos.

Os fondos europeos Eidus desatan o cinismo de prensa e partidos políticos.

  A Marea contradise sobre a causa da perda inicial de fondos mentres o PP esixe responsabilidades ou mantén silencio dependendo de se está na oposición ou no goberno. 

  07 outubro 2016 

  O Regulamento Nº 1301/2013 de Fondos Comunitarios establece a obrigación de adicar un mínimo do 5% dos recursos do Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional -FEDER- a medidas de desenvolvemento urbano integrado e sustentable. Este plan denominado EIDUS (Estratexias Integradas de Desenvolvemento Urbano Sustentable) outorga as cidades cunha poboación superior aos 20.000 habitantes e que xustifiquen un plan debidamente concordante a posibilidade de acceso aos fondos comunitarios. O reparto divídese en varias convocatorias e cada unha admite alegacións que poden modificar o dictamen inicial; os criterios baixo os que se asigna a puntuación que determinará a concesión son estipulados polo Ministerio de Facenda dacordo coa institución europea. 

  Actualmente, en primeira convocatoria e a falla de alegacións, algunhas das cidades galegas que conseguiron entrar no reparto foron Vigo, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, Redondela, Lalín, Ribeira, A Estrada ou Marín. Vigo levou 15 millóns de euros; Santiago, Lugo e Pontevedra lograron 10; a cidades de menor tamaño correspondéronlle 5 millóns. Pola súa banda non obtiveron puntos suficientes A Coruña, A Deputación de Ourense, Ferrol, Carballo ou Ames. O Ministerio de Facenda confirmou que a súa intención é que a totalidade de cidades que presentaron proxectos poidan acadar as partidas en disputa aínda que non está claro que esto vaia a ser corroborado.

  Interpretacións. 

  Ata aquí a información obxectiva. Mais paga a pena comprobar como este tema foi tratado tanto por medios de comunicación como por os propios partidos políticos.

  Empezamos polos medios. A simple vista para unha persoa que adoite ler prensa destaca que de todas as actuacións derivadas da EIDUS houbo unha que acaparou todas as portadas en detrimento do resto: foi o caso da Coruña.

  "La Voz de Galicia" utiliza para dar a noticia titulares que levan a engano e dan a entender que os 15 millóns de euros están perdidos: "El expediente por el que A Coruña perdió 15 millones de la UE divide a la Marea" (06-10), ou "Los afectados por las ayudas europeas desconocían los proyectos presentados" (07-10) supoñendo que a información foi ocultada cando a realidade é que os afectados que quixeron sí puideron acceder ao proxecto pero a gran maioría non o fixo. Este xornal sí se axusta máis á realidade tanto no corpo das noticias como noutras informacións pero insiste en combinar portadas que crean alarma de inicio con outras máis obxectivas a posteriori. 

  Botando unha ollada ao titular de "El Ideal Gallego" tamén parece que os fondos están totalmente perdidos: "A Coruña se queda sin fondos Eidus tras presentar un proyecto insuficiente" aínda que lendo o corpo xa explican o contrario e falan de máis convocatorias e de alegacións. Un segundo titular amosa as preferencias do noticieiro: "El PP ofrece su experiencia al Gobierno local para conseguir los fondos Eidus" onde se fai un panexírico da actuación do PP. 

  Mención aparte merece o diario "La Región" de Ourense que non considera importante destacar que a Deputación de Ourense non acadou os fondos nesta primeira convocatoria pero sí dá a nova sobre a mesma situación por parte da cidade da Coruña.

  O titular máis correcto ven dado por "La Opinión de A Coruña" con "A Coruña se queda fuera de la primera fase de los fondos europeos EIDUS".

  Partidos políticos. 

  A reacción dos líderes das Mareas é lóxicamente dispar dependendo de se os fondos foron conseguidos ou non. O alcalde de Santiago felicítase mentres que A Coruña e Ferrol replican que están a tempo e que mellorarán os proxectos para finalmente acceder á EIDUS. O caso do goberno municipal da Coruña non obstante denota unha confusión impropia dun equipo de goberno ao presentar xustificacións diferentes por parte dos distintos cargos involucrados. Entrevistas e roldas de prensa contradictorias sosteñen ao tempo que houbo carencias que se solucionarán tanto como que o proxecto estaba ben redactado e que o Ministerio de Facenda lle deu o visto bo. Da mesma maneira afírmase que Facenda modificou criterios da UE aínda que non se fai referencia a que cambios poideron causar un perxuízo. 

  Especialmente paradoxal é a actitude do PP donde dependendo de se están gobernando ou na oposición ou se os fondos foron conseguidos ou non, manteñen posicións contradictorias. Na Coruña o PP sostén que os fondos Eidus son básicos para o desenvolvemento da cidade e que a responsabilidade de non telos acadado nesta primeira oportunidade é exclusivamente do goberno da Marea o cal debido á súa mala xestión pon en perigo investimentos prioritarios para a cidade. En Santiago, onde sí foron concedidos pero están na oposición, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible foi unha prioridade para o alcalde, Martiño Noriega, e cando o pasado 12 de xaneiro o pleno aprobaba o plan municipal cos votos de Compostela Aberta, o PP -ao igual que o resto da oposición- evitaba posicionarse a favor e ía á abstención. Por outra banda, a perda inicial de fondos por parte da Deputación de Ourense, presidida polo PP, non é causa nin de esixir ningunha responsabilidade nin tampouco de amosar a mínima preocupación. 

  Psoe e BNG coparticipan con menor vehemencia que o PP neste xogo. Os posicionamentos do Psoe difiren cando critican a Xulio Ferreiro ao tempo que en Santiago nin sequera votaban a favor dos fondos. O BNG finalmente tamén culpaba ao alcalde da Coruña e pedía explicacións a diferencia do acontecido en Carballo, cuxo alcalde Evencio Ferrero, da formación nacionalista, non era quen de superar esta primeira convocatoria.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.