e-distrito


Feiraco, Xallas, Os Irmandiños e Melisanto únense nunha gran cooperativa láctea.

Feiraco, Xallas, Os Irmandiños e Melisanto únense nunha gran cooperativa láctea.

  Os presidentes das catro recoñeceron estar ante unha "chamada importante" a liderar o gran grupo cooperativo galego. 

  11 outubro 2016 

  O lácteo recibe unha boa nova. Feiraco, Irmandiños  Xallas e Melisanto, as catro grandes do cooperativismo no sector en Galicia, integraranse nunha cooperativa de segundo grao. Farano co obxectivo de darlles ás explotacións que as compoñen maior competitividade e eficiencia a través da integración de servizos e de xestión de compras co obxectivo de abaratar custos e soportar mellor as variacións nos prezos do leite. Máis socios anunciaron xa a súa unión a esta gran cooperativa galega.

  Nun acto celebrado este luns, os presidentes das catro cooperativas recoñeceron estar ante unha "chamada importante" a liderar o que será o gran grupo cooperativo galego e que está aberto a outras moitas, non só en Galicia, senón tamén noutras zonas do Estado e mesmo en Europa. "Queremos gañar competitividade e eficiencia nos nosos produtores", recoñeceron tras asumir que "nun curto prazo" non van poder "influír no prezo do leite" pero "si en aforrar custos e en ser máis competitivos". 

  En todo caso, as coperativas que queiran integrarse deberán contar cun capital de base mínimo de 2 millóns de euros. O proxecto, agora, será sometido a votación por cada unha das asembleas das sociedades o vindeiro luns 31. De dárenlle os socios o visto e prace á operación, esta cooperativa de segundo grao -onde os asociados son cooperativas en réxime de federación- botaría a andar xa o 1 de xaneiro de 2017. 

  A produción conxunta das catro sociedades ascende aos 413 millóns de litros de leite -o 20% de toda a de Galicia-, producen tamén 240.000 toneladas de pensos e sumarían 4.240 socios e uns 430 traballadores. Feiraco controlará o 45,3% do capital; os Irmandiños, o 30,7%; Melisanto, o 12,6%; e Xallas, o 11,4%. Ademais, a facturación conxunta das catro empresas foi de case 200 millóns de euros no pasado ano.

  A nova sociedade levará a cabo numerosas actividades, desde a fabricación de pensos até a recollida, envasado e distriburción de leite e outros derivados, pasando por servizos de asistencia á reprodución do gando e alimentación, veternarios, así como xestión administrativa e económica. Ademais, os socios poderán acceder a seguros, maquinaria, gasóleo ou tendas agrícolas. Aínda que o novo grupo cooperativo non descarta contar no futuro cunha nova planta industrial, xa dispón polo momento das de procesado de Feiraco e Clesa (participada por Feiraco, Irmandiños e Melisanto). Ademais, disporá de fábricas de produción de pensos en Santa Comba, Ribadeo, Melide e Ponte Maceira e de tendas agrarias en Melide, Ponte Maceira, A Picota, Ordes, Santa Comba e Ribadeo. 

  Derivación libre de Praza 

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.