e-distrito


Galicia perdeu o 60% de empresas innovadoras en sete anos.

Galicia perdeu o 60% de empresas innovadoras en sete anos.

  O número suma máis de 1.500 empresas. Un estudo do Foro Económico de Galicia pide duplicar a innovación na comunidade que menos inviste en I+D+i. 

  18 outubro 2016

  O Foro Económico de Galicia propón duplicar o investimento en innovación en Galicia, tanto público como privado, pero faino apostan por un cambio de modelo en dous eixos. Por unha banda, aposta por centrar a innovación en sectores disruptivos e non obsolescentes, e por outra, aplicar máis investimento á innovación non tecnolóxica, é dicir, no referente a organización, sistemas de información, loxística, reciclaxe,… Na actualidade Galicia está a cola de España en investimento en I+D+i, co 0,87% do PIB, case tres veces menos que o País Vasco (2,12%), autonomía de semellante tamaño económico e poboacional a Galicia. Estas son as conclusións que se recollen no estudoI+D+i empresarial en Galicia, dez mensaxes e unha proposta, presentado este luns en Vigo e asinado polo profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing e membro do grupo REDE Xosé H. Vázquez

  Neste traballo analiza os problemas e virtudes da innovación nas empresas galegas e destaca catro importantes peculiaridades da innovación nas empresas galegas. A primeira delas é que a I+D+i está centrada en sectores obsolescentes; a segunda fai referencia a que a innovación procede de procesos de aprendizaxe na empresa e non da I+D académica; a terceira é que a metade das empresas que incorporan vantaxes de innovación son industrias manufactureiras e, finalmente, as empresas invisten moi pouco en innovación que non sexa tecnolóxica. 

  O traballo sobre a innovación empresarial galega revela que, durante a recesión económica (2007-2014) Galicia perdeu o 60% das súas empresas innovadoras, o que se traduce en 1505 empresas pechadas ou trasladadas, e este descenso deixa o numero actual de empresas innovadoras en tan só 997 compañías. Nos indicadores de alta tecnoloxía, Galicia presenta 106 empresas manufactureiras e 147 empresas de servizos cun gasto en I+D+i conxunto de 125 millóns de euros en 2014. O mesmo indicador referido ao País Vasco sinala un investimento de 698 millóns de euros (cinco veces máis que Galicia) en 773 empresas.

  O estudo detalla que o 17,4% das empresas galegas dispoñen dalgunha Tecnoloxía Facilitadora Esencial (TFE), se ben a metade destas empresas están no sector de industrias manufactureiras. No gasto medio das empresas innovadoras, Galicia non está tan mal situada (7ª no ránking de España), se ben o índice de innovación sitúa nos dous primeiros postos a industrias de produtos químicos e de maquinaria, moi por diante de sectores máis disruptivos como información e coñecemento, reciclaxe, loxística, organización ou márketing.

  “A innovación das empresas galegas non está orixinada tanto na I+D como nun proceso de aprendizaxe e combinación de outras innovacións nas propias empresas”, subliña Xosé H. Vázquez, profesor da Universidade de Vigo e experto do Foro Económico de Galicia en innovación industrial. Vázquez sostén que as empresas galegas deberían centrar máis a súa innovación en procesos non tecnolóxicos, enfocándose a innovar en procesos de organización, reciclaxe de materiais, loxística ou sistemas de información. 

  Derivación libre de GCiencia

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.