e-distrito


Os bosques valen cinco veces máis do que custan.

Os bosques valen cinco veces máis do que custan.

  Un estudo internacional valora a súa biodiversidade nunha cantidade entre 166.000 e 490.000 millóns de dólares por ano, cifra que quintuplica o prezo de conservalos. 

  25 outubro 2016

  O valor económico da biodiversidade dos bosques estímase entre 166.000 e 490.000 millóns de dólares por ano, cinco veces máis do que custaría tomar medidas efectivas de conservación a escala global. Así de contundentes son os resultados do estudo do Global Forest Biodiversity Initiative (GFBI) que publica a revista Science. Para este traballo, no que participaron investigadores de 30 países liderados por Jingjing Liang, da Universidade de West Virginia, (EE UU), Peter B. Reich da Universidade de Minnesota e Thomas W. Crowther da Universidade de Yale, analizaron a relación entre a biodiversidade -número de especies de árbores- e a produtividade dos bosques (BPR, polas súas siglas en inglés). 

  Os bosques son os maiores repositorios de biodiversidade terrestre, pero a deforestación e o cambio climático ameazan á metade das especies de árbores. Para este estudo, os investigadores traballaron en 777.126 parcelas, nas que mediron máis de 30 millóns de árbores de 8.737 especies repartidas nos 44 países de todo o mundo. A área analizada no estudo representa a maior parte da biomasa terrestre. Ata agora, os estudos deste tipo manexaban só datos a escala rexional. 

  "Utilizando unha base de datos global única, atopamos que a diversidade das árbores mellora a produción de biomasa a escala global. Isto indica que as reservas de madeira mundial e o almacenamento de carbono caerán se seguimos perdendo especies de árbores nos nosos bosques", declara Thomas W. Crowther. "Hai unha relación directa entre a diversidade de árbores dun bosque e o beneficio económico que achega. Os datos da nosa investigación poñen negro sobre branco a necesidade de recalcular o valor da biodiversidade, as estratexias de xestión forestal e as prioridades á hora de conservar", apunta Fernando Valladares, coautor do traballo e investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturais. "Ademais, por primeira vez ponse en evidencia a escala global que a perda de especies tradúcese na redución dos ecosistemas boscosos, a diminución da produción de madeira e a súa capacidade de absorción de CO2 da atmosfera", continúa. 

  Terminar cos monocultivos.

  Os científicos afirman que a redución da produción forestal veríase moi beneficiada se, en lugar de potenciar os monocultivos, o foco das políticas forestais se centrase na mestura de especies. 

  Os efectos da redución de especies varían segundo as zonas do planeta. En áreas como o Amazonas, oeste e sueste de África, o sueste de China, Myanmar, Nepal ou o arquipélago Malaio é onde a redución da riqueza de especies supón maiores perdas de produtividade en termos absolutos, mentres esta redución afecta menos os bosques de Norteamérica, o nordés europeo, área central de Siberia, o leste de áfrica ou o sur central de Asia e América. 

  Derivación libre de Sinc.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.