e-distrito


Caramelo anuncia a quebra e pide a liquidación.

Caramelo anuncia a quebra e pide a liquidación.

  Dende 2.007 a empresa de Jove convertérase en receptora de grandes subvencións públicas mentres deslocalizaba a produción e despedía a centos de traballadores. 

  26 outubro 2016

  Caramelo quebra e bota o peche. A histórica empresa téxtil galega comunicou este martes a súa solicitude de liquidación, que deixará na rúa 169 empregados en todo o Estado, case a metade deles (79) en Galicia. A empresa de moda, que controla o grupo Inveravante de Manuel Jove, non foi quen de superar e enésima crise sufrida nos últimos anos, marcados por continuos despedimentos e reestruturacións, a última delas a través dun concurso de acredores en 2013. Logo dun ERE de 180 empregados, sumado ao que prescindiu de 237 en 2009, a compañía procurou a saída da crise para se consolidar durante este ano. 

  A nova nave que a empresa ten no polígono de Vío, do que foi a primeira inquilina, con 4.000 metros cadrados de superficie e os cambios na directiva non lograron os resultados desexados para unha empresa que chegou a contar con 800 traballadores e que xa prescindira de 70 tendas na súa última reestruturación. Tampouco foron suficientes as axudas que chegaron desde a Xunta nos últimos anos. De feito, o Executivo galego tiña o 7,5% do caital da compañía tras pagar máis de 3 millóns de euros. Foi despois de achegar un crédito participativo de 15 millóns de euros que acabou en nada tras o concurso. Antes, e co gallo do polémico ERE en 2009, o daquela conselleiro de Economía, Javier Guerra, cifrara en máis de 30 millóns as axudas que a Caramelo lle concedera o bipartito, 27 deles en créditos e avais. En 2010, e logo das críticas ao goberno de coalición, a Xunta de Feijóo inxectara 5 millóns máis a través dun préstamo participativo.  

  "A actividade de Caramelo viuse seriamente danada pola profunda crise de consumo que afecta a toda Europa e, de forma particular, a España, mercado ao que a empresa estivo excesivamente exposta nos últimos anos", explica a empresa, que nos últimos anos optou pola deslocalización da súa produción en Asia para logo traela de novo á Península -principalmente en Portugal- e norte de África. 

  Logo da solicitude de liquidación por parte da compañía téxtil, será agora o xulgado do mercantil da Coruña quen decidirá as seguintes fases do proceso legal para levala a cabo. 

  Un símbolo téxtil galego.

  Caramelo naceu en 1969 e foi fundada por José Antonio Caramelo, xunto ao seu sobriño Javier Cañás e Luis Gestal. O home que dá nome á marca fora tamén un dos fundadores de GOA con, entre outros, Amancio Ortega, no que serían os alicerces do futuro imperio Inditex. A principios do século XXI a compañía espállase polo mundo adiante, chega a máis de vinte países e en 2005 adquire Antonio Pernas, que acabaría integrado plenamente na empresa. Outra marca ilustre que desaparece.

  Tras a entrada de Manuel Jove -que acabaría por controlar o 92,5%, co restante en mans da Xunta- para intentar resucitar unha compañía xa en serios problemas, diferentes gobernos galegos apoiána a través de diferentes créditos a Caramelo, que leva a cabo un importante ERE en 2009 e outro tan só uns anos máis tarde, deixando na rúa máis de 400 persoas. En 2013 a firma solicita o concurso de acredores, que supera en 2014. Dous anos despois, solicita a liquidación. 

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.