e-distrito


Sogama só recupera o 3,3% dos residuos que xestiona.

Sogama só recupera o 3,3% dos residuos que xestiona.

  Ademais, a taxa de recuperación en 2015 foi inferior á do 2014 (6,3%, unhas 51.248 toneladas) e mesmo á de 2013 (3,4%, unhas 27.276). 

  03 Novembro 2016

  A conselleira de Medio Ambiente de Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, presentaron este mércores en rolda de prensa as conclusións incluídas na Meoria de sustentabilidade 2015da sociedade de xestión de residuos. Mato e Domínguez destacaron que Sogama incrementou entre 2009 e 2015 a cantidade de materiais recuperados nun 50 por cento, pasando de 17.600 toneladas que se reciclaban hai 6 anos ás 26.700.

  Porén, cómpre salientar que estes datos amosan que Sogama só recupera o 3,3% do total de residuos que xestiona (802.365 toneladas). Ademais, a taxa de recuperación en 2015 foi inferior á do 2014 (6,3%, unhas 51.248 toneladas) e mesmo á de 2013 (3,4%, unhas 27.276). Os malos datos de 2015 en comparación co ano anterior débense á case nula capacidade de recuperación de vidro (2.693 toneladas fronte ás 25.421 de 2014). Sogama explica este forte descenso na "baixada na produtividade do proceso" e prevén "volver en 2016 aos resultados de 2014 mediante novos investimentos na planta". 

  O optimismo amosado por Mato e Domínguez non se sustenta á vista dos datos, aínda que é certo que algunhas magnitudes melloran de xeito paseniño dende o ano 2009. A taxa de recuperación pasou do 2% (2009), ao 2,4% (2012) ata o 3,3% actual. De igual xeito, a cantidade total de residuos tratados foi diminuíndo, dende as 890.098 toneladas de 2009 ata as 805.355. E, ademais, a almacenada nos vertedoiros caeu dende as 372.513 toneladas de hai seis anos ata as 200.248 actuais. Tamén creceu lixeiramente a cantidade recollida lixeiramente, que pasou en seis anos das 17.464 toneladas ata as 21.344. Melloras, aínda que moi lentas e cativas.

  Dado que son moi poucos os materiais que se reciclan e recuperan e que, ao mesmo tempo, vai diminuíndo a parte que se deposita permanentemente en vertedoiros, a maior parte dos residuos son queimados, co obxectivo de facelos desaparecer e, ao tempo, xerar enerxía eléctrica. A produción eléctrica total de Sogama sitúase no 517.000 megavatios/hora, en ascenso dende os 431.000 de 2009. 

  A consecuencia desa maior actividade de produción eléctrica nestes anos tamén creceu moito a emisión de gases contaminantes por parte de Sogama. Por exemplo, a produción de CO2 pasou de 103 millóns de kilos a máis de 133 millóns. Ou, de igual maneira, as emisións de óxido de xofre creceron case un 50% (dos 12.300 kilos aos 18.600). En calquera caso, todas as emisións contaminantes producidas por Sogama sitúanse dentro dos límites autorizados pola lei. 

  Derivación de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.