e-distrito


Galicia entre as tres autonomías que máis gasto social recortaron.

Galicia entre as tres autonomías que máis gasto social recortaron.

  A Xunta reduciu o gasto en protección social en case 118 millóns de euros entre os anos 2010 e 2015.

  10 Novembro 2016

  Entre os anos 2010 e 2015, a Xunta de Galicia recortou o gasto social en 117.723.782,31 euros, isto é, un 18,4%, porcentaxe que a sitúa como a terceira comunidade autónoma que máis reduciu o gasto de contido social, só superada por Castela-A Mancha (-25,2%) e Illas Baleares (-24,3%). No lado oposto, só aumentaron o investimento en políticas de protección social Madrid (30,8%), Comunidade Valenciá (20,1%), País Vasco (15,1%) e Asturias (12,4%). 

  Son datos do estudo "La importancia de la explicación de las políticas públicas territoriales de contenido social", publicado por Óscar Romera Jiménez, do EAE Business School, en methaodos.revista de ciencias sociales, da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. O estudo analiza o gasto territorial liquidado en protección social no período 2010-2015, con información obtida das bases de datos das administracións públicas locais (concellos e deputacións), autonómicas e estatal.

  Os datos mostran claramente que Galicia foi a terceira autonomía que máis recortou porcentualmente o gasto autonómico dedicado a políticas públicas de protección social durante os anos de crise do 2010 ao 2015, período que coincide coa primeira e segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo (PPdeG) á fronte do Executivo galego.

  No conxunto das Comunidades Autónomas se produciu unha reducción do gasto tanto en termos absolutos como en relativos. Porén, o autor salienta que "a evolución dos recursos destinados polas CC.AA. ás políticas de gasto de servizos sociais e promoción social experimentaron un comportamento desigual", observándose unha "evolución asimétrica", con tan só catro autonomías nas que se aumentaron recursos e axustes no resto.

  En termos absolutos, destaca a redución orzamentaria en Cataluña, con 373,8 millóns de euros; Castela-A Mancha, con 212,1 millóns, e Andalucía, con 163,5, seguidas por Castela e León, con 149,4, e Galicia, con 117,7.

  Gasto público per cápita.

  Na evolución do gasto público per cápita en materia de protección social, Galicia tamén amosa indicadores moi negativos que a sitúan no grupo de cola. Así, o gasto per cápita pasou de 231,30 a 191,45 en termos absolutos, o que supón unha caída de -39,85, que coloca a Galicia no sétimo posto entre as autonomías que reduciron o gasto social per cápita, que só aumentou na Comunidade Valenciá  (+30,55), País Vasco (+38,10), Asturias (+48,49) e Madrid (+52,58). Este indicador está condicionado parcialmente polo aumento ou descenso da poboación. Así, entre as once comunidades que perderon poboación entre 2010 e 2015 —incluída Galicia— só o País Vasco incrementou os recursos destinados a servizos sociais e promoción social. Por outro lado, só Madrid aumentou o gasto entre as que rexistraron un crecemento da súa poboación.

  En variación relativa, Galicia é a cuarta autonomía que máis reduciu o gasto social per cápita, un 17,23%, só superada por Murcia (-18,43%), Castela-A Mancha (-24,46%) e Illas Baleares (-27,08%).

  Derivación libre de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.