e-distrito


España, punteira en Europa en carestía da enerxía e aumento das emisións contaminantes.

España, punteira en Europa en carestía da enerxía e aumento das emisións contaminantes.

  Dende o inicio da crise a tarifa eléctrica elevouse un 33% e o gas un 25%. 

  17 Novembro 2016

  Co custo da enerxía eléctrica elevándose un 33% e o do gas un 25% desde o inicio da crise, España sitúase á cabeza dos países da Unión Europea que máis cobra aos seus cidadáns pola enerxía, á vez que fracasa no medio ambiente aumentando a súa emisión de gases invernadoiro. 

  Así o mostra un informe publicado pola oficina estatística europea, Eurostat, sobre enerxía, transporte e medio ambiente, que sitúa o prezo da enerxía nos fogares españois como un dos máis altos da UE. Segundo o estudo, España ten o quinto prezo máis elevado da UE de electricidade de consumo doméstico, con 0,237 céntimos por quilowatt/hora en 2015, só superado polo de Dinamarca, Alemaña, Irlanda e Italia. 

  Introducindo a variable do poder adquisitivo de cada país, que compara o prezo doutros produtos co da enerxía, España ten a cuarta enerxía máis cara, e Portugal, Alemaña e Romanía ocuparían os tres primeiros postos. Algo similar ocorre co gas natural, que ten en España o terceiro prezo máis alto da UE, por detrás de Suecia e Portugal. O informe sinala que, desde 2008, o prezo da electricidade nos fogares europeos subiu preto dun terzo, mentres que o prezo do gas incrementouse sobre un 25%.

  Doutra banda, o petróleo e produtos derivados mantivéronse durante os últimos 25 anos como o principal subministrador de enerxía na UE. Con respecto ao transporte, España destaca como un dos países que máis incrementou a súa actividade portuaria desde 2013 (+7,6%).

  Emisións contaminantes. 

  O informe tamén inclúe datos sobre medio ambiente, como o nivel de emisións de gases de efecto invernadoiro ou a produción e xestión de residuos. España é un dos seis países da UE que incrementaron o seu nivel de emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto ao ano 1990, xunto con Chipre, Malta, Portugal, Irlanda e Austria, mentres que no conxunto da UE, a emisión destes gases reduciuse desde o ano 1990 ao 2014 preto dun 25%.

  No ano 2014, xeráronse 175 quilogramos de residuos municipais per cápita nos Estados membros da UE, dos cales o 44% foron reciclados ou compostados. España sitúase por baixo da media europea xa que xerou 435 quilogramos de residuos per cápita, sendo un dos países que máis reduciu a xeración de residuos con respecto a 1995 (-15 %).

  Derivación libre de Post Digital.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.