e-distrito


Galicia ocupa o primeiro posto en mortalidade laboral en España.

Galicia ocupa o primeiro posto en mortalidade laboral en España.

  A nivel estatal a taxa de siniestralidade subiu en todas as autonomías e sectores desde a aprobación da Reforma laboral de 2012.

  21 Novembro 2016 

  O pasado mércores un operario faleceu en Frades ao caer dunha altura de tres metros nunha granxa situda no lugar de Canedo. O persoal sanitario trasladado ao lugar só puido certificar a súa morte. Este último accidente laboral mortal por desgraza non é un incidente illado, senón que se vén engadir a unha estatística moi negativa na que Galicia, ademais, figura no peor lugar do Estado. En 2015 un total de 58 persoas morreron en accidente laboral, segundo reflicten os datos oficiais do Ministerio de Emprego.

  En 2016, entre xaneiro e setembro producíronse en Galicia 52 mortes en accidente laboral, polo que a cifra do conxunto dos doce meses probablemente superará ás de anos anteriores. Se en 2015 houbo case cinco falecementos cada mes, ata setembro deste 2016 a media achégase aos seis. En total, nos nove primeiros meses producíronse en Galicia 20.607 accidentes laborais con baixa, 404 deles considerados graves. 

 Galicia soporta un índice de mortandade no traballo moi superior ao do conxunto do Estado. En 2014 Galicia tivo 7,56 falecidos por cada 100.000 traballadores, máis do dobre que a media española (3,33). E no 2015 esas taxas mantivéronse case inalteradas (7.41 en Galicia, 3.55 en España). De feito, Galicia presenta a peor taxa de todas as comunidades autónomas e só Aragón (6.16 mortes por cada 100.000 traballadores) se lle achega. 

  Esta realidade contrasta co feito de que en Galicia se producen menos accidentes laborais que no resto do Estado. En 2015 foron un total de 24.411, ao redor do 5% dos rexistrados no conxunto de España (449.223). Pola contra, as mortes superaron amplamente o 10% do total (57 de 500). Por sectores, o problema afecta, sobre todo, ao da pesca -con 20 falecidos en 2014-, seguido da industria (10) e a construción (9). O sector servizos, que ocupa a seis de cada dez traballadores e traballadoras, sumou 16 mortes. Iso si, mentres que na industria e na construción o número de mortes se reduciu á metade na última década, isto non sucede no sector pesqueiro e marisqueiro, que mantén as súas cifras. 

  O número diminuíu con respecto aos terribles datos que se rexistraban hai unhas décadas. Durante os anos 80 e 90 a nosa comunidade perdía cada ano máis de cen traballadores e traballadoras en accidente laboral e aínda no ano 2000 esa cifra era de 130. A partir de entón foi descendendo ata acadar un celebrado mínimo en 2013, con 43 falecidos e falecidas. 

  A aprobación do goberno central de Mariano Rajoy da reforma laboral de 2012 marcou que a partires de 2013 os números volvesen a aumentar en todas as comunidades autónomas. 

  Derivación libre de Praza.

   

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.