e-distrito


Morre Fidel Castro, o fillo dun campesiño galego que marcou a historia.

Morre Fidel Castro, o fillo dun campesiño galego que marcou a historia.

  Fidel identificouse como símbolo da loita contra a opresión. Allende, Nelson Mandela, Hemingway, Malcolm X, Jimmy Carter, José Mújica ou García Márquez foron algúns dos seus amigos e valedores.

  26 novembro 2016

  .

  En 1992, dous días despois do Día da Patria Galega, o titular da Xunta, recibiu ao pé da pista de Lavacolla o presidente de Cuba, Fidel Castro. Menos dun ano despois de ser recibido en La Habana con honras de xefe de Estado Manuel Fraga facía de anfitrión para o líder cubano, o "galego" que marcou a historia da illa caribeña dende a revolución de 1959 pola que permaneceu medio século no poder, e ata este 25 de novembro, cando ás 22:29 da noite -hora local-, faleceu aos 90 anos de idade.

  O seu irmán e sucesor dende febreiro de 2008, Raúl Castro, foi o encargado de anunciar nunha breve mensaxe televisada a noticia do falecemento, que transmitiu "con profunda dor", ao tempo que anunciou que os restos do histórico mandatario comunista serán incinerados, seguindo a súa "vontade expresa", ao tempo que se ultiman os detalles dunha "homenaxe póstuma". Ratificábase así unha noticia anunciada en infinitas ocasións e tentada en moitas máis -estímase que Castro sobreviviu a máis de 600 intentos de asasinato só por parte da CIA-. O falecemento produciuse dez días despois das derradeiras imaxes públicas do ex-mandatario e cando apenas transcorreron tres meses dende o seu 90 aniversario, polo que foi homenaxeado na capital cubana. 

  Alén da evidente pegada histórica de Fidel Castro, do seu papel á fronte do movemento que derrubou a ditadura de Fulgencio Batista, do seu carácter de referencia para parte da esquerda internacional e das críticas de quen o consideran máximo expoñente dun lonxevo réxime autoritario, en Galicia a súa lembranza vai ligada ao concello lucense de Láncara, da que aquela histórica viaxe de 1992 foi bo resumo. Naqueles días o mandatario agora falecido declarouse "fillo lexítimo de Galicia". Fíxoo ao carón da casa natal do seu pai, Ángel Castro Argiz, o lancarao que en 1899, aos 24 anos, emigrou con rumbo a Cuba.

  Se algo quedou para a historia aqueles días foi a visita a Láncara. Fidel acudiu á que fora vivenda do seu proxenitor e acabou sendo o centro dunha romaría auspiciada por Fraga. Os acordes da banda municipal de Sarria confundíronse coa música caribeña, correron os viños e licores do país, Fraga non foi quen de conter as bágoas ao lembrar que o seu pai tamén fora un emigrante a Cuba e ambos presidentes culminaron a xornada cunha partida de dominó.

  O arquivo da Televisión de Galicia garda boa parte da documentación gráfica duns días que foron resumidos no documental Fraga y Fidel, sin embargo (Manuel Fernández-Valdés, 2013). 

    Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.