e-distrito


Pemex cancela o segundo flotel para Barreras e renuncia á terminal comprometida para o porto exterior da Coruña.

Pemex cancela o segundo flotel para Barreras e renuncia á terminal comprometida para o porto exterior da Coruña.

  O presidente da Xunta, que prometera en campaña electoral ata 20 buques tras os acordos coa empresa, di "entender perfectamente" as cancelacións. 

  28 Novembro 2016

  Nin o flotel extra previsto no estaleiro de Barreiras en Vigo, nin a terminal propia no porto exterior da Coruña. Tampouco aqueles tres buques tanque, nin o atuneiro, nin o barco de apoio a plataformas petrolíferas, nin a renovación de parte da frota. Nin moito menos aqueles dous quimiqueiros cos que Feijóo anunciaba a ampliación da colaboración entre a Xunta e a petroleira mexicana ou aqueles sete remolcadores comprometidos cos que o Goberno galego botaba a andar a súa alianza coa empresa azteca nun lustroso acto en Compostela en 2012. 

  Foi o presidente da Xunta quen, a poucas semanas das eleccións autonómicas daquel ano, bordeou a lei electoral para solemnizar o contrato con Pemex -que nunca foi público- para a construción de dúas floteles en Galicia, nun acto para o que a TVG interrompeu a súa programación habitual. Máis de catro anos despois, eses dous buques foron os únicos encargos da multinacional mexicana a estaleiros galegos: un construído en Navantia, aínda por entregar, e outro en Barreiras que partirá cara ao país azteca este sábado. 

  Antes, a empresa latinoamericana comprou por 5 millóns de euros o 51% do estaleiro vigués. Desde alí, este mércores, o director xeral da firma, José Antonio González Anaya, confirmou que anulaban ese segundo flotel prometido e que tamén aprazaban sine die un investimento de 58 millóns no porto exterior da Coruña para unha terminal propia que ocuparía 30.000 metros cadrados. Foron os últimos proxectos anunciados polo Executivo galego que México se encargou de chafar.  

  A profunda crise pola que pasa Pemex e a baixada do prezo do petróleo son as causas, segundo a empresa, deste cambio de plans que o propio presidente da Xunta leva máis aló. Tal e como recoñeceu Feijóo este xoves, o director da multinacional advertiulle tamén de que non comprarán barcos e que, de precisar algún, recorrerán a un aluguer ou leasing ante a súa difícil situación económica, que impide calquera investimento importante.

  Preguntado pola anulación do segundo flotel, Feijóo di que "se entende perfectamente" e atribúeo ao "afundimento" dos prezos do petróleo, tras destacar que Pemex ingresa hoxe en día "menos da metade" do que ingresaba cando decidiu modernizar a súa frota, o que a levou a "conxelar" os seus plans en Galicia. Con todo, o presidente da Xunta destaca que a petroleira "seguirá participando" en Barreiras, "mantendo o investimento" e "traballando" para que o estaleiro obteña unha "carga de traballo" que agora mesmo non ten. "Se Barreiras só se dedicase a facer barcos para Pemex, non tería futuro", engade Feijóo, que cre que o estaleiro "ten que demostrar que vai facer barcos para outros armadores", antes de advertir que hai posibilidades reais" de que obteña "algún contrato moi superior en importe e en tonelaxe" ao desaparecido flotel.

  Indignación na oposición

  Desde a oposición, as reaccións son coincidentes. Cren que as malas noticias confirman que as promesas anteriores da Xunta non tiñan fundamento e que a maioría delas non eran consistentes, senón parte da campaña electoral. Así, o portavoz de Industria e I+D do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, asegura que a renuncia ao segundo flotel e á base de Langosteira por parte de Pemex "demostra que a forza dos feitos impóñense aos esforzos publicitarios de Feijóo e evidencia o fracaso na súa política industrial". Losada lamentou que o Executivo galego demostre "estar máis preocupado por venderlle os nosos estaleiros a prezos de saldo a grupos foráneos que de incentivar e consolidar a industria naval galega. 

  Desde En Marea, o seu deputado Antón Sánchez destaca que "a realidade é que Feijóo prometeu en setembro de 2012 uns vinte buques e o incremento no 20% do tráfico e do 15% en ingresos económicos en Punta Langosteira". "Fíxoo en vésperas das eleccións e empregando o naval electoralmente; se fose máis prudente, poderiamos ser máis comprensivos, pero despois do que fixo, unha vez máis a súa credibilidade queda en dúbida", engade. Ademais, e en referencia ao argumento da crise que emprega Feijóo, Sánchez lémbralle que "houbo barcos que se ían a construír en Barreiras que se acabaron construíndo en México". "O que a petroleira fixo foi quedar coa tecnoloxía de aquí para logo construír no seu país", insiste quen lembra que "do que se prometeu ao que finalmente queda non chega nin ao 10%". "Feijóo debería desculparse polo uso electoralista que fixo do sector naval", di.

Pola súa banda, Noa Presas, portavoz de Industria do BNG no Parlamento, cre que as cancelacións de proxectos en Galicia por parte de Pemex "confirman o que o Bloque adiantou na Cámara xa a pasada lexislatura e o risco que para a industria galega supoñía". "Esla crónica dunha morte anunciada", asegura a deputada, que lembra que Barreiras "pasou dos dous milleiros de traballadores do ano 2000 aos 500, entre persoal propio e de auxiliares, da actualidade". "Ao final, a estratexia de Pemex foi a absorber a experiencia dos estaleiros galegos e levala para fóra", engade Presas, que insta a Xunta a actuar e denuncia a súa "inacción total".

  Ante esta nova promesa incumprida por parte de Pemex, tanto En Marea, como o BNG e o PSdeG anunciaron xa unha batería de iniciativas parlamentarias para que o Goberno galego dea conta do incumprimento dos anuncios de produción naval relacionados coa petroleira mexicana. 

  Derivación libre de El Diario.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.