e-distrito


O Concello pon en marcha a campaña "A Coruña, Libre de Herbicidas Tóxicos"

O Concello pon en marcha a campaña "A Coruña, Libre de Herbicidas Tóxicos"

  Madrid, Barcelona ou ata 400 cidades francesas non empregan herbicidas.   

  05 decembro 2016

  A concelleira de Medio Ambiente, María García, avanzou a posta en marcha da campaña "A Coruña, Libre de Herbicidas Tóxicos" --que se inicia cando se cumpre un ano da retirada dos herbicidas tóxicos e, en concreto, do glifosato, no uso rutinario dos servizos municipais da limpeza viaria e o mantemento de parques e xardíns en favor de sistemas non tóxicos--, unha acción informativa que chegará aos espazos e vías públicas. "Queremos chegar aos e ás destinatarios principais desta actuación, que é a xente que usa os espazos públicos como os xardíns ou os parques infantís, e explicar que a día de hoxe todos e todas podemos disfrutar deles en mellores condicións", indicou a responsable municipal, que aludiu tamén á "mellora das condicións laborais" do persoal que traballaba con estas substancias. "O Concello tomou a decisión, hai xa un ano, de eliminar os herbicidas, en cumprimento da normativa estatal, e retirar a vexetación por outras vías non tóxicas, salvo en casos excepcionais. Cremos que é necesario reflexionar sobre o que significa unha cidade limpa, salubre e segura, e entendemos que é aquela que elimina substancias que poden ter afección para a saúde das persoas e do ecosistema para permitir gozar do espazo público con seguridade, no canto daquela outra cidade que emprega compostos tóxicos por cuestións estéticas", sinalou. A este respecto, aludiu ao uso do vinagre para a retirada de herbas espontáneas na limpeza viaria  e, en parques e xardíns, á retirada mecánica e manual, "unha opción pola que apostamos de forma decidida".

  "Estamos falando de que antes, os herbicidas e outros produtos se empregaban de forma rutinaria e masiva, sen atender sequera á lexislación que regula o seu uso e que esixe, por exemplo, que se sinalicen os espazos nos que se aplican estas substancias", advertiu a concelleira, que non obstante apuntou que a decisión municipal foi a de retiralos "nos traballos diarios", se ben se reservará a posibilidade de usar herbicidas para "actuacións concretas", como especies invasoras ou control de pragas, no caso de que os métodos mecánicos non sexan efectivos. "Pero será un recurso moi controlado, con accións ben estudadas e planificadas, que por outro lado é o que di desde 2012 a regulación, que deben cumprir as administracións e tamén as empresas", observou.  

  Como fixo notar a responsable municipal durante a presentación da campaña informativa, este tipo de manexo non tóxico dos espazos públicos que desenvolve o Concello forma parte dun novo  sistema de mantemento, "no que estamos a avanzar". "O obxectivo do Concello é seguir avanzando nunha cidade máis segura, libre de tóxicos e, ao tempo, seguir mellorando na retirada das herbas espontáneas. Cremos que o control das herbas adventicias, que son as que saen espontáneamente, ten que empezar polo deseño, polo cambio de uso de técnicas, pero tamén polos substratos e acolchados do terreo, e niso imos seguir avanzando nos vindeiros meses. Seguiremos avanzando en ter unha cidade segura, estética e coidada, porque son cousas compatibles", subliñou García, quen se remitiu ás máis de 45 cidades do Estado que xa optaron por esta mesma vía, como Madrid, Barcelona, Tarragona, Zaragoza, Valdemoro ou Castellón, ou a países como Francia, onde os herbicidas non se empregan en máis de 400 cidades.

  Derivación libre de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.