e-distrito


Galicia supera a media do Estado no informe PISA e España consegue chegar á media da OCDE.

Galicia supera a media do Estado no informe PISA e España consegue chegar á media da OCDE.

  O informe, correspondente ao ano 2015, pon en entredito a "necesidade" da reforma educativa que o goberno segue a implantar.

  07 decembro 2016

- O gran problema a nivel estatal seguen a ser os baixos resultados das comunidades do sur unido á alarmante taxa de repetidores (31%)

- A Xunta de Galicia celebra que en plena época de crise o sistema educativo galego sexa un exemplo de equidade.

  Os alumnos galegos de 15 anos melloran notablemente en matemáticas e en lectura e manteñen o seu nivel en ciencias, segundo os datos do Informe do Programa para a Avaliación Integral de Alumnos (PISA) do pasado ano 2015 e que se vén de facer público este martes. Tal e como destaca o estudo, o rendemento dos estudantes desa idade en Galicia mellorou cinco puntos ne matemáticas, até chegar aos 494, con respecto ao informe anterior de 2012. Ademais, sobe en dez puntos en lectura, até os 509, e mantense en ciencias como hai tres anos, nos 512 puntos. 

  Nun informe PISA que por primeira vez achega datos de todas as autonomías nas tres competencias, as diferenzas de rendemento entre os diferentes territorios volven ser importantes, e tamén entre moitas destas comunidades e a media estatal. En canto ao estudantado galego, os resultados son superiores nos tres indicadores aos do conxunto estatal.

  En definitiva, España conseguiu chegar a media da OCDE en PISA 2015, un achegamento que facilitou en boa parte a caída desa puntuación media de referencia en matemáticas, lectura e ciencias. Os estudantes españois, ademais, melloraron nas dúas primeiras competencias, segundo as primeiras conclusións do Ministerio de Educación sobre os datos que deu a coñecer o organismo internacional. A nota dos alumnos e alumnas españois iguálase á media da OCDE en ciencias -a competencia medida con maior detemento nesta edición- con 493 puntos, supérana en lectura con 496 fronte a 493 e quedan lixeiramente atrasados en Matemáticas con 486 puntos, catro menos que a media de 490. En PISA 2012, a distancia entre os resultados españois coa nota media era de entre cinco e dez puntos, unha diferenza que desaparece pola caída desa media en 2015: sete puntos menos en Ciencias, catro por baixo en Matemáticas e tres puntos inferior en Lectura.

  Este achegamento de resultados tamén o explica, ademais, unha mellora de case dez puntos en lectura entre 2012 e 2015: de 486 a 496 puntos. Tres puntos escalan os estudantes en Matemáticas, pero fan o camiño inverso en Ciencias, con tres embaixo. Estas últimas variacións son en termos estatísticos poucos significativas ao tomarse as medidas sobre unha puntuación total de 500.

  De repararmos na táboa por autonomías, en ciencias, Castilla y León obtén 519 puntos, situándose a 46 puntos de distancia de Andalucía (473) e por diante da media estatal e dos países da OCDE (493) e a UE (495). A Castilla y León séguenlle Madrid (516), Navarra e Galicia (512), Aragón (508), Catalunya (504), Asturias (501), La Rioja (498), Castilla-La Mancha (497), Cantabria (496) e Comunitat Valenciana (494). Xa que logo, o rendemento do estudantado galego sitúase no terceiro posto do podio empatado co navarro. Por debaixo da media sitúanse Balears (485), Murcia (484), Euskadi (483), Canarias (475), Extremadura (474) e Andalucía (473). Os autores do informe indican que máis do 50% da variabilidade nas puntuacións medias autonómicas explícase polo Índice Social, Económico e Cultural (ISEC). Así, advirten que as que teñen un maior nivel socioeconómico, como Madrid, obteñen mellores resultados que as menos favorecidas, como é o caso de Andalucía. Non obstante, nesta ocasión, Castilla y Léon, Galicia e Castilla-La Mancha logran puntuacións significativamente máis elevadas do agardado polo seu nivel socioeconómico e cultural, ao contrario que o País Vasco. 

  Todas as circunstancias que se xuntan no ISEC responden case nun 40% ás ddistancias na puntuación. Son a ocupación profesional e o nivel educativo das familias -o factor que máis inflúe, con ata 60 puntos de diferenza- e os recursos disponiblles no fogar (número de libors ou dispositivos dixitais). 

  Na área de matemáticas, Navarra lidera a táboa con 518 puntos, a 66 puntos de Canarias (452), por diante da media estatal (486) e da OCDE (490) e a UE (493). En segundo lugar sitúase Castilla y León (506), La Rioja (505), Madrid (503), Aragón e Catalunya (500), Cantabria (495), Galicia (494), Euskadi e Asturias (492) e Castilla-La Mancha (486). Por debaixo da media de España (486), Comunitat Valenciana (485), Balears (476), Extremadura (473), Murcia (470), Andalucía (466) e Canarias (452).

  En lectura, lidera a táboa Castilla y Léon (522), con 47 puntos máis que Extremadura (475), en última posición, e por diante da media do Estado (496), a OCDE (493) e a UE (494). En segundo lugar, Madrid (520), seguida de Navarra (514), Galicia (509), Aragón (506), Cantabria (501), Cataluña (500), Castilla-La Mancha e Comunitat Valenciana (499) e Asturias (498). País Vasco e La Rioja (491), Murcia (486), Baleares (485), Canarias (483), Andalucía (479) e Extremadura (475) son as que menor rendemento presentan en lectura.

  Con estas cifras, o conxunto de España ocupa o posto 21 en competencia lectora (ao nivel dos Estados Unidos ou Reino Unido), o 25 en habilidades matemáticas (como Islandia ou Italia) e o 24 en habilidades científicas (á altura de Suecia e Francia). No top da lista de Lectura están Canáda (527) e Finlandia (526); Xapón (532) e Corea do Sur (524) en Matemáticas; e de novo Xapón (538), Estonia (534) e Finlandia (531) en Ciencias.

  

  "Un verdadeiro éxito en situación de crise"

  Logo de coñecerse os resultados, a Xunta reaccionou con euforia e nun comunicado destaca que Galicia "obtén os mellores resultados da súa historia" nos tres ámbitos analizados e cre que "se confirma unha tendencia de mellora continua, tanto en termos absolutos coma en comparación co resto das autonomías". "Os datos confirman que o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo", di.

  Este dato, que se obtén tras analizar a influencia do contexto sociocultural nos resultados académicos do alumnado, "confirma o esforzo da Consellería de Cultura e Educación por garantir un acceso á educación en condicióins de igualdade para todo", asegura o departamento. 

  O Ministerio de Educación tentou asumir o éxito como propio pese a tratarse de datos de 2015 e atoparse inmerso en plena reforma educativa e con enfrentamentos importantes con moitas CCAAs. Así, felicitouse polos datos porque, interpretan, "por vez primeira rompe a brecha educativa e España sitúase ao nivel dos países máis avanzados do mundo", dixo o ministro Íñigo Méndez de Vigo na presentación dos resultados. O Director Xeral de Avaliación incidiu tamén no "verdadeiro éxito" que supón que "nunha situación de crise, España conseguise aumentar en dúas competencias avaliadas". Aínda que Educación impregnou a presentación de datos de optimismo, chamou a atención sobre o que ao seu xuízo -e o de PISA- é un problema considerable: a taxa de repetidores. Un de cada tres alumnos e alumnas de 15 anos está a repetir curso (un 31%), unhas cifras "realmente alarmantes polo que supoñen de custo social e económico para o país". Son 20 puntos máis que a media europea.

  Derivación libre de Praza Pública.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.