e-distrito


O modelo Pontevedra será tido en conta na construción de 1.000 novas vilas e cidades chinesas.

O modelo Pontevedra será tido en conta na construción de 1.000 novas vilas e cidades chinesas.

  Foi galardoado coa distinción Soft Mobility. O modelo de cidade para andar a pé e en bici inspirará a construción de mil cidades novas en China.

  14 decembro 2016

  Jean-Pier Raffarin: “Recoméndolles que escoiten o caso de Pontevedra, un exemplo dunha cidade pequena que fai moito polo medio ambiente”.

  China é un continente inmenso -o terceiro Estado máis extenso do planeta (tras a Federación Rusa e Canadá) e o máis poboado- e ten pendente a racionalización do seu xigantesco proceso de urbanización. As experiencias habidas até o momento supuxeron unha enorme presión sobre o meio ambiente, con graves secuelas para a saúde humana decorrentes de altos índices de contaminación. Beijing é consciente diso e quer dar unha xiradela a súa política nesta materia. E aí entra en escena a empresa Beijing China Fortune Land (CFLD), un conglomerado empresarial fundado en 1998 que cotiza na bolsa de Shanghai e que desenvolve os seus proxectos en íntima colaboración co sector público. O Estado, dono da terra, pon os solares e a empresa, tamén en parcería con compañías estatais, realiza as obras.

  Pois ben, China deitou o seu ollar sobre o modelo Pontevedra. Este domingo, a cidade galega recebeu en Shenzhen o Premio Soft Mobility, pola súa aposta nos desprazamentos a pé e en bici. Mais a cousa non fica aí. A CFLD convidou o alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, para que dese unha conferencia no instituto de estudos desta corporación sobre o modelo urbanístico implantado en Pontevedra desde que o BNG chegou ao goberno en 1999. 

  Segundo publica a imprensa chinesa, a intención de CFLD é tomar nota dalgunhas das experiencias de Pontevedra con vistas a as adaptar á realidade do antigo imperio do centro. "Pontevedra é unha pequena cidade de menos de 100 mil habitantes que desde 1999 prohibiu progresivamente o tránsito de coches no seu casco urbano, medida que ten reducido en 70 por cento o número de accidentes", resaltan meios chineses.

  CFLD participa no programa estatal de deseño e construción de 1.000 novas cidades e vilas na China. "O que máis nos interesou desta cidade foi a decisión do alcalde e a execución do planeamento [de restrición do tráfico de carros no casco urbano]", afirmou o director do Instituto de Desenvolvimento Urbano desta corporación, Li Yufeng.

  Yufeng é consciente de que eliminar o tráfico de automóbeis en Beijing é unha tarefa na práctica imposíbel, mais o modelo Pontevedra si que sería perfeitamente viábel nas "novas cidades pequenas ou vilas que CFLD construirá ou reformará, que estarán ubicadas nas áreas exteriores das grandes urbes como Beijing, Shanghai, nas marxes do Río Yangtse e na provincia meridional  de Guangdong".

  Na conferencia, segundo salientaron meios chineses, Lores puxo en destaque que o obxectivo do modelo Pontevedra foi sempre o de "facer unha cidade para as persoas", propósito para o que foi preciso un "esforzo colectivo".

  Derivación de Sermos Galiza
  Relacionado: pontevedra.gal/

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.