e-distrito


Un laboratorio de Santiago tenta resolver o asasinato do ‘Che Guevara’ africano.

Un laboratorio de Santiago tenta resolver o asasinato do ‘Che Guevara’ africano.

  Thomas Sankara emprendeu a reforma agraria, vacinou a 2´5 millóns de nenos, plantou 10 millóns de árboles e prohibiu a ablación de clítoris. Foi derrocado e asasinado nun golpe apoiado dende Europa.

  15 decembro 2016

  Un laboratorio de Santiago de Compostela traballa cos supostos restos de Thomas Sankara, coñecido como o ‘Che Guevara’ africano, asasinado a tiros en Burkina Faso hai tres décadas. A súa morte provocou unha conmoción en toda África. O Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro é o lugar onde se atopan agora os restos humanos, para realizar a análise definitiva de ADN que permita determinar se corresponden ao líder panafricano. O laboratorio, que fora fundado polo xenetista Ángel Carracedo, é agora dirixido por María Victoria Lareu, coñecida nos medios por ter resolto o caso do asasinato de Eva Blanco. Especializados no estudo de restos xenéticos moi degradados, como os das vítimas da Guerra Civil, o centro compostelán é a derradeira esperanza para pechar un caso xudicial que esperta gran expectación en toda África.

.

Fidel castro condecorando a thomas sankara.

  Fidel Castro condecorando a Thomas Sankara.


  Thomas Sankara (1949- 1987) foi un capitán militar e panafricanista que presidiu Burkina Faso de 1983 ata 1987. Figura carismática da revolución, foi el quen decidiu cambiar o nome do seu propio país, denominado Alto Volta polos colonizadores franceses, e agora Burkina Faso: “O país dos homes íntegros”. No seu mandato, promoveu medidas para eliminar a corrupción, unha fonda reforma agraria e rematar coa débeda externa que afogaba ao país. Outras medidas moi aplaudidas no mundo foron a súa campaña de vacinación de 2,5 millóns de nenos contra a meninxite e a febre amarela. Ou a plantación de dez millóns de árbores para frear a desertificación do Sahel. Tamén prohibiu a ablación do clítoris, os matrimonios forzados e a poligamia, medidas polas que foi aclamado como feminista nun país cunha cultura retrógrada.

  Pero a popularidade internacional de Sankara petou contra os sectores máis conservadores do país. Ata que foi derrocado e asasinado nun golpe de estado liderado polo seu ex colaborador Blaise Compaoré, o 15 de outubro de 1987. O cambio de réxime contou coas simpatías da antiga potencia colonial, Francia.

  Compaoré gobernou con man de ferro ata ser derrocado en 2014. O seu goberno foi un dos máis corruptos da historia de África, ademais de apoiar ao criminal de guerra liberiano Charles Taylor. Tras ser expulsado do poder o presunto asasino do Che Guevara africano refuxiouse na veciña Costa de Marfil, onde está protexido e ten un compromiso de non ser entregado á Corte Penal Internacional.

  Pero nos últimos dous anos, o novo goberno de Burkina Faso quere facer xustiza con Tomas Sankara. Primeiro foron exhumados os supostos restos do líder panafricano, xunto a outros 12 colaboradores. Pero as primeiras mostras levadas a un laboratorio de Marsella foron negativas: non había ADN dabondo para emitir unha identificación certificada. Por iso, a xustiza de Burkina Faso recorreu ao laboratorio compostelán.

  O xuiz encargado do caso Sankara en Burkina, François Yaméogo, xa inculpou a catorce persoas, encabezadas por Blaise Compaoré e o tamén xeneral golpista Gilbert Diendéré. Agora, o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro de Santiago de Compostela ten a clave para que se faga xustiza con Sankara, o Che Guevara africano, tres décadas despois do seu asasinato.

  Derivación de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.