e-distrito


Sen culpables. Arquivada provisionalmente a causa polo asasinato de Jimmy.

Sen culpables. Arquivada provisionalmente a causa polo asasinato de Jimmy.

  O xuíz desbotou o informe policial, a declaración da testemuña protexida amenazada polo Frente Atlético, e mensaxes autoinculpatorias de algúns ultras.

  A xustiza española novamente en entredito: a queima dun contenedor no País Vasco ou unha agresión poden desembocar na aplicación da Lei Antiterrorista mentres que un asasinato por parte da extrema dereita en Madrid vai camiño da impunidade.

  23 decembro 2016

  Un asasinato impune. Ese é o resultado máis probable do proceso aberto pola morte do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, en Madrid hai pouco máis de dous anos por parte de ultras do Frente Atlético. O xulgado de instrución número 20 da capital do Estado vén de arquivar a cauxa que investigaba posibles delitos de homicidio e de lesións, polo que tan só mantén aberta a peza que investiga a rifa tumultuaria. 

  O xuíz aclara que queda acreditado que Jimmy morreu polos golpes recibidos aquel 30 de novembro ás portas do Vicente Calderón pero asegura que "non existe proba que permita acreditar, sen xénero de dúbidas, a autoría das persoas que interviñeron na súa morte, polo que procede acordar o sobresemento provisional". O maxistrado -o cuarto que leva o caso- arquívao malia as peticións da Fiscalía, as detalladas investigacións policiais que sinalaron -e polos que se encarceraron- varios ultras neonazis e a pesar da declaración dunha testemuña protexida que corroboraba os feitos. 

  O arquivo é recorrible e o avogado da familia de Jimmy xa anunciou que presentará recurso ante o xulgado e ante a Audiencia Provincial. O escuro e polémico deste caso mantén indignadas a afección e o club deportivista, así como a cidadanía. "Pasou o que pasou, houbo unha persoa asasinada, outra lesionada e ninguén vai pagar polo asasinato nin polas lesións, pero hai 55 afeccionados do Depor aos que se lles impuxo unha multa administrativa de 60.000 euros por participar nunha rifa tumultuaria malia que penalmente non foron imputados", resumiu o letrado Erlantz Ibarrondo en declaracións a Radio Coruña. 

  O resultado provisional é que o asasinato a golpes dun afeccionado queda impune logo dun caso cheo de dúbidas, reproches xurídicos e sospeitas. A novidade previa a este arquivo xa facía temer o peor, xa que o pasado outubro o xuíz rexeitaba a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas".

  Non lle pareceran suficientes as detalladas investigacións da Brigada de Información da Policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.

  A defensa usou esa confusión -un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo. Dando por certa a confusión pero ratificadas as agresións, Ibarrondo preguntábase "como é posible que non os citen a declarar para, polo menos, investigar unha posible tentativa de homicidio". Mallar nel e tiralo ao río non supuxo nada daquela e non o supón agora. A causa que investigaba estas lesións tamén foi arquivada.

  Pero hai algo que sorprende aínda maís. O xuíz tampouco tivo en conta a versión dunha testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraron mensaxes que intercambiara coa súa noiva: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores.

  O pasado mes de xullo, no entanto, a Audiencia Provincial absolveu este menor, que fora condenado por homicidio e afrontaba seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada. Aludiu á falta de credibilidade do que denominou "coimputado" por estar investigado tamén por rifa tumultuaria. 

  Unha testemuña protexida pero ameazada.

  Ibarrondo, letrado da familia de Jimmy, di que é "sorprendente que non se contase nin co que di a policía nin coa testemuña protexida". "As probas só son efectivas no acto de xuízo oral, que se abre cando hai indicios e cremos que hai indicios sobrados; logo será o xuíz quen decida se estes indicios se converten en probas ou non, pero dar por pechado así o caso é, como mínimo, sorprendente", di agora. 

  "Hai unha testemuña protexida que ten a capacidade de dicir quen son os autores e nin tan sequera foi citada; ditouse o sobresemento sen nin tan sequera tomarlle declaración", engade con evidente indignación. O testemuño deste menor foi realizado nunha causa no xulgado de menores-que si lle dera veracidade- e non no de instrución. G303, así se lle chama no proceso para preservar a súa intimidade, acabou por ser descuberto e ameazado por dous líderes do Frente Atlético que foron condenados por iso.

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.