e-distrito


A Xunta mantén nos seus cargos aos imputados por homicidio imprudente nas mortes por Hepatite C.

A Xunta mantén nos seus cargos aos imputados por homicidio imprudente nas mortes por Hepatite C.

  Os altos cargos do Sergas enfróntanse a un posible delito por ter atrasado presuntamente a prescrición de medicamentos por motivos económicos. 

  Familiares dos finados declararon ser víctimas das políticas de recortes.

  Para o Sergas a imputación non cambia nada. Feijóo asegurara que non vía relación entre a falla de medicamentos e a morte de pacientes chegando a calificar de "indignos" aos médicos que fixeron a denuncia e culpando á oposición.

  26 decembro 2016

  Os altos cargos do Sergas serán investigados por un suposto delito de homicidio polo non subministro dos tratamentos contra a hepatite C a seis pacientes. Así o vén de acordar a Audiencia Provincial da Coruña, que estima parcialmente o recurso da Fiscalía, ao que se adheriu a plataforma de afectados, polo que os dous responsables investigados serano non só por prevaricación senón por estoutro delito máis grave. Segundo o auto, ao que tivo acceso este diario, a Audiencia revoga o pronunciamento do xuíz do pasado mes de setembro e "acorda que se teña por dirixido o procedemento fronte aos denunciados por un delito de homicidio imprudente" e que "se lles tome declaración como investigados en relación cos falecementos".

  Mentres toda a oposición pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade ou de Feijóo e En Marea e BNG o "cesamento inmediato" dos dous altos cargos, a Xunta di que o auto "non varía" nada do que había. Así, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa cre que a decisión da Audiencia só busca "ampliar o ámbito de defensa dos denunciados para que poidan exercitar plenamente os seus deritos fronte á totalidade da denuncia e non só por prevaricacion". Ademais, insiste en que "non houbo atraso na tramitación dos expedientes" e que, ao non entrar a Audiencia na cuestión de fondo, os dous investigados non deben deixar o cargo. 

  O xuíz titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, investiga o que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas -e actual xerente da área sanitaria de Vigo-, Félix Rubial, e a Carolina Gómez-Criado, subdirector xeral de Farmacia, por un suposto delito de prevaricacións pero a Fiscalía atribúelles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias", tal e como adiantara este diario ao destaparse o caso. Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes. 

  O propio presidente do Goberno galego fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos". Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara. 

  Petición de comparecencia.

  Toda a oposición pide -e pedirá oficialmente- que Núñez Feijóo ou o conselleiro de Sanidade comparezan para dar explicacións tras a imputación por un posible delito de homicidio imprudente dos dous altos cargos do Sergas por, presuntamente, ter atrasado a prescrición de medicamentos contra a hepatite C por razóns económicas. O xiro xudicial ao caso provocado polo auto da Audiencia Provincial supón que o actual xerente da área sanitaria de Vigo e ex-director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, afronten penas de entre 1 e 4 anos de cadea e inhabilitación para cargo público e profesional.

  Con todo, nin o presidente da Xunta nin Vázquez Almuíña, titular de Sanidade, dixeron nada desde que o pasado venres se coñecese o auto que amplía a imputación dos dous cargos do Sergas de prevaricación administrativa a homicidio logo de que seis doentes de hepatite C falecesen por, presuntamente, non térselle administrado a tempo a medicación que os podía curar por razóns orzamentarias. Tan só fixo declaracións públicas o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, que cre que a decisión da Audiencia "non varía" en nada o caso. Para el, só busca "ampliar o ámbito de defensa dos denunciados para que poidan exercitar plenamente os seus delitos fronte á totalidade da denuncia e non só por prevaricacion".

  Non opinan o mesmo desde a oposición, que saíu conxuntamente a reclamar explicacións e pedir comparecencias parlamentarias.

  Derivación libre de Praza.
  Foto: Xunta de Galicia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.