e-distrito


O permiso de paternidade de 28 días xa é unha realidade.

O permiso de paternidade de 28 días xa é unha realidade.

  Dende o 01 de xaneiro pasa de 15 a 28 días tamén co 100% da base reguladora. A medida fora aprobada en 2.009 e aprazada ata agora. 

  02 xaneiro 2017

  Dende este 1 de xaneiro o permiso de paternidade dura o duplo que ata agora. Os homes que se convertan en pais por nacemento ou adopción dunha nena ou neno poderán dispoñer dunha licenza remunerada de 28 días, no canto dos 15 vixente ata 2016. A ampliación a catro semanas preséntase como un avance que leva esta licenza a durar unha cuarta parte do permiso de maternidade. E faino nun panorama no que a profunda crise demográfica galega convive con múltiplos obstáculos para a conciliación da vida persoal e familiar.

  Oposición parlamentaria e sindicatos veñen valorando esta ampliación como un avance, pero insuficiente, fundamentalmente por dúas razóns: o evidente desequilibrio en tempo co permiso maternal e, sobre todo, o feito de ser voluntario. Os homes poden poden solicitar o que o Ministerio de Emprego define como "descanso" se o desexan, mentres que as mulleres están, obviamente, condicionadas polo coidado pero tamén polas propias circunstancias biolóxicas do embarazo e o parto. Só a obrigatoriedade do permiso paternal, din estas entidades, comezaría a facilitar que a maternidade non sexa un obstáculo para o desenvolvemento profesional feminino ou unha desvantaxe comparativa á hora de acceder a un emprego.

  A agora prolongada prestación por paternidade mantense como ata agora no resto das súas características. É independente da concedida ás mulleres e compatible co treito compartido do permiso por maternidade, "sempre que sexa cedido pola nai", especifica o Ministerio. Entre xaneiro e setembro de 2016 concedéronse en Galicia 11.025 permisos retribuídos de maternidade e só se rexistraron 265 casos nos que parte desa prestación fose percibida tamén polo pai. Mentres, segundo as estatísticas de Emprego, as baixas por paternidade foron unhas 2.000 menos que as de maternidade nese período.

  O desequilibrio entre mulleres e homes foi aínda maior se o indicador consultado son as excedencias por coidado familiar. Neses primeiros nove meses do ano que vén de rematar foron concedidas en Galicia un total de 771 para traballadoras e só 100 para traballadores. 

  A cuestión da conciliación é unha das abordadas no Programa de Apoio á Natalidade promocionado pola Xunta a través do agora denominado como Bono Concilia, un cheque de entre 45 e 250 euros mensuais, en función da renda familiar, para financiar prazas en escolas infantís privadas para familias que non puidesen acceder a escolas públicas. A última convocatoria, subliña o Goberno galego, permite tamén acceder a pais e nais que logren "dereito" a praza pública pero que, polo seu horario, "esta non lles resolva as súas demandas" de conciliación. 

  A Xunta presenta este bono como unha medida de fomento da natalidade complementaria con outras como o cheque bebé da Tarxeta Benvida -100 euros ao mes durante o primeiro ano do bebé para adquirir produtos vinculados á crianza- ou o paquete de agasallos que Goberno e PP deron en equiparar á caixa finlandesa, a primeira das múltiplas axudas que o goberno do país nórdico concede ás familias ata que fillas e fillos chegan á maioría de idade.

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.