e-distrito


A taxa de pobreza en Galicia aumentou ata case o 17% en 2015 mentres a economía creceu un 3´2%.

A taxa de pobreza en Galicia aumentou ata case o 17% en 2015 mentres a economía creceu un 3´2%.

  A mellora de datos económicos non ten correspondencia na reducción da pobreza, exclusión e desigualdade.

  03 xaneiro 2017

  A economía galega creceu un 3,2% en 2015, despois de facelo un 0,4% o ano anterior, e a taxa de crecemento (á falta dos datos do derradeiro trimestre do ano) manterase en 2016 ao redor do 3%. Porén, cando menos en 2015, esta mellora dos datos macroeconómicos non tivo efectos na redución das taxas de pobreza e exclusión social e dos niveis de desigualdade. Ademais, a pesar dunha certa recuperación no emprego, o pasado mes de outubro o Foro Económico de Galicia alertou das dificultades de Galicia para crear postos de traballo: dende 2008 Galicia só recuperou 1,6 dos 18,5 puntos de emprego perdido.

  A Enquisa Estrutural a Fogares, feita pública o pasado venres polo IGE, revelou que en 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%). Tamén a taxa de pobreza e exclusión social creceu unhas décimas, ata chegar ao 22,55%. 

  A pobreza afecta máis a determinados colectivos e grupos de idade, especialmente aos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (32%), movéndose entre o 24% e o 26% no resto dos grupos, agás os e as maiores de 65, con datos inferiores grazas á barreira contra a pobreza que constitúen as pensións de xubilación (para este grupo e os seus familiares).

  De igual xeito, cómpre salientar a situación das familias monoparentais: case catro de cada dez (o 38,59%) viven en risco de pobreza ou exclusión social. En Galicia hai un total de 103.712 fogares nos que unha persoa soa está a cargo dos fillos e fillas e, entre eles, 37.417 nos que os mozos e mozas teñen menos de 25 anos. Son, ademais, maioritariamente mulleres, no 70% das ocasións. Tamén as persoas que viven soas sofren a pobreza por riba da media (no 26,62% dos casos). 

  En Galicia hai ao redor de 375 mil fogares (ao redor do 35% do total) nos que os ingresos mensuais non chegan aos 600 euros por persoa. Case medio millón de galegos e galegas (489.680, o 18% do total) declaran que non se poden permitir "manter as súas vivendas a unha temperatura adecuada". De igual xeito, o 35% dos galegos e galegas (case un millón) non se pode permitir "facer fronte a gastos imprevistos" ou que o 56% (un millón e medio) non se pode permitir "ir de vacacións unha semana ao ano". Ademais, 41 mil persoas afirman non poder permitirse "unha comida de carne, polo ou pescado cando menos cada dous días", un número afortunadamente moi inferior ao que se rexistraba en 2011 (140 mil).

  Este incremento da desigualdade pódese aprezar tamén no indicador da distribución da renda S80/S20, o cociente entre o total do ingreso equivalente do quintil máis rico da poboación e o total do ingreso equivalente do quintil máis pobre. O resultado pasou de ser 4 en 2008, antes da crise económica a ser de 4,5 no 2015. É dicir, que o 20% da poboación máis rico ten catro veces e media máis renda que o 20% máis pobre.

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.