e-distrito


La Voz de Galicia inventa noticias sobre ataques de lobos "probablemente para conseguir máis lectores no rural"

La Voz de Galicia inventa noticias sobre ataques de lobos "probablemente para conseguir máis lectores no rural"

  Así se expresa David Álvarez despois de que se usara unha foto do seu blog para documentar un ataque inexistente. O xornal borrou a publicación.

  A noticia aparecida o 01 de xaneiro levaba por título "Un ganadero de Abadín caza con su cámara a un lobo devorando a un caballo". A foto fora tomada realmente en Asturias no 2.010.

  05 xaneiro 2017

  O domingo 1 de xaneiro, La Voz de Galicia publicaba unha información que se fixo viral nas redes sociais co título "Un ganadero de Abadín caza con su cámara a un lobo devorando a un caballo". A imaxe do carnívoro sobre o équido morto e aberto en canal impactou a moitas persoas, que compartiron a nova sen saber que era falsa. Un día despois, o biólogo David Álvarez denunciou o caso no seu blog cun título oportuno para a súa queixa: "Prensa carroñera", denuncia que saltou á portada de Menéame. Tiña motivos: Álvarez é amigo do autor da fotografía, publicada en xaneiro de 2010 no seu blog e tomada seis anos despois, sen permiso, por La Voz para unha información sen contrastar e que carecía de veracidade.

  Como relata na súa denuncia Álvarez, a imaxe do lobo devorando o cabalo non foi tomada nin en Abadín (Lugo) nin nestas datas, senón en Asturias no ano 2010. O biólogo considera a nova publicada en La Voz é un "ejemplo de esta falta de ética profesional y de carroñismo editorial" que afecta aos grandes medios. "Esa foto no está hecha en Abadín, está hecha en Asturias, y tampoco se ha tomado la pasada semana como se dice en el artículo, sino que había sido tomada en 2010", confirma o autor do blog Naturaleza Cantábrica. 

  Segundo a información, falsa, publicada por La Voz, a imaxe do lobo devorando o cabalo na parroquia de Candia fora tomada por un gandeiro co seu teléfono móbil o pasado venres 30 de decembro. No texto, asegurábase que ese lobo formaba parte dunha manda de seis exemplares, cinco dos cales terían fuxido ao aproximarse o vehículo do gandeiro. Nada diso era certo.

  Orixe da imaxe

  David Álvarez no seu blog aclara: "Esa foto no está hecha en Abadín, está hecha en Asturias, y tampoco se ha tomado la pasada semana como se dice en el artículo, sino que había sido tomada en 2010 y para colmo, no se trataba de una manada de lobos, sino de un único lobo devorando la carroña de un potro. ¿Y cómo puedo saber yo esto? Pues por la sencilla razón de que fui yo el que publicó la fotografía en mi blog, que había sido tomada unas semanas antes por mi amigo Xurde Gayol".

  O autor da fotografía non dubida en cargar contra o xornal coruñés, do que cuestiona o seu labor: "Teniendo en cuenta que en La Voz de Galicia se ha usado una información falsa, se ha mentido y se ha utilizado material gráfico sin el consentimiento del autor, es evidente que al menos yo no puedo tomar como cierta ninguna de las noticias que aparecen en este medio de comunicación, ya que podrían tener el mismo origen", argúe o biólogo, quen ademais considera "patente" a "animadversión por el lobo" do xornal, a cal, deduce, "seguramente sea debida al interés de cosechar lectores y suscriptores entre el rural galego".

  Ás queixas de Álvarez sumáronse ducias de persoas, que denuncian en Menéame e outros foros en Internet o uso "sensacionalista" que fixo La Voz desa fotografía. Porén, o xornal coruñés non rectificou nin pediu desculpas publicamente, só retirou, sen máis, a información, coma se nunca existira, sen rastro no seu sitio web; porén, a información falsa aínda se pode ver na caché de Google, de onde o xornal coruñés non a poderá borrar, como tampouco poderá borrar a denuncia do biólogo no seu blog e os comentarios en Menéame.

  Caché de google onde aínda se pode ver a información falsa: caché
  Blog do autor e ligazón á denuncia de manipulación: naturalezacantabrica.es/

  Noticia derivada libremente de GC.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.