e-distrito


A Coruña/ Terreos históricos de La Solana e Hotel Finisterre en perigo de privatización.

A Coruña/ Terreos históricos de La Solana e Hotel Finisterre en perigo de privatización.

  Carlos Negreira cambiou a calificación de solo dotacional público a privado en 2012, cando Autoridade Portuaria e PP calificaran de "absurdo" o aviso do BNG de que se preparaba un pelotazo urbanístico.

  Marea Atlántica, Psoe e BNG manifestaron a súa intención de preservar os terreos para uso público; PP e Xunta optan pola privatización.

  09 xaneiro 2017

  Polémica cunha operación urbanística no Porto da Coruña. Os terreos públicos do Hotel Finisterre e o complexo deportivo La Solana serán obxecto dunha poxa. A Marea Atlántica di que o Porto ignorou unha oferta do Concello para mercalos, oferta que o Porto non recoñece como tal. O Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou dez días antes de rematar o ano renovar o expediente de poxa do hotel Finisterre e o complexo deportivo La Solana. Con graves problemas de liquidez tras a construción do porto exterior, a Autoridade Portuaria quere sacar á venda todo este complexo que suma 28.000 metros cadrados en plena zona vella da cidade, terreos de titularidade pública edificados baixo o franquismo e que baixo o mandato de Carlos Negreira (PP) en 2012 cambiaron a súa calificación de solo dotacional público a privado. Tanto o PP como Autoridade Portuaria celebraban o cambio e calificaron como "absurdo" as declaracións do entón concelleiro do BNG quen avisaba de que se estaba a preparar un pelotazo urbanístico no centro da cidade.

  Así, o mes pasado, só Xiao Varela, representante do Concello da Coruña, votou en contra desta operación. Votaron a favor Enrique Losada, presidente da Autoridade Portuaria, designado polo PP; Gustavo Ortega Romero, capitán marítimo; Jorge Atán, subdelegado do Goberno na Coruña; Severino Ares, reprensentante da lonxa; Álvaro Mora, representante da Administración Xeral do Estado; Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo (PP); Luis Felipe Llamas, Cámara de Comercio da Coruña; José Ramón Piñeiro, representante do sindicato maioritario (UGT); Belén Docampo, delegada da Xunta na Coruña; Mª Isabel Concheiro, secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar e Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

  Autoridade Portuaria pretende subastar a zona ao mellor postor; o Concello da Coruña mantela como zona de uso e disfrute para os cidadáns.

  Segundo denuncia Marea Atlántica, esta decisión "converte ao Porto nunha inmobiliaria". A coalición acusa ao porto de apostar pola especulacioń cos terreos e ignorar unha oferta do Concello para adquirilos e darlles un uso público. O Porto non recoñece a existencia dunha oferta como tal. Admite que recibiu un escrito do Concello da Coruña no que este expresaba a súa "voluntade" de facerse cos terreos e comprometía facelo cunha partida a incluír nos orzamentos deste ano. Non lle pareceu un compromiso dabondo concreto ao Consello de Administración, que co apoio da Abogacía do Estado, di que non houbo oferta real, polo que pode seguir adiante co seu plan de sacar a poxa os terreos.

  "Agardan gañar 10 millóns para tapar unha moi pequena parte dos 300 millóns de débeda xerada por décadas de mala xestión", denuncian dende a Marea Atlántica. Mentres tiña lugar o Consello de Administración, un cento de persoas, segundo a Comisión Aberta en Defensa do Común,  concentráronse ante a sede da Autoridade Portuaria para reclamar o uso público dos terreos. A coalición que sustenta ao goberno municipal di que chegará ata onde sexa preciso para "impedir que se malvenda o que é de todas e todos nós".

  A Comisión alerta sobre a posibilidade de que no caso de consumarse as pretensións privatizadoras do presidente da Autoridade Portuaria, "por primeira vez dende 1850  pódese materializar a privatización dun espazo en primeira liña de costa no que é a cidade histórica".

  Derivación libre de GC.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.