e-distrito


Finlandia inicia o programa para a implantación da Renda Básica.

Finlandia inicia o programa para a implantación da Renda Básica.

  Os dirixentes do país nórdico consideran que a RBU reduciría a pobreza e aumentaría o emprendimento.

  O primeiro ministro finlandés Juha Sipilä defendeu que nunha sociedade moderna onde a mecanización e tecnificación destruirían no futuro gran parte do traballo actual, unha Renda Básica Universal significaría que as cidadáns terían maiores ingresos co cal non só se reduciría a pobreza senón que o emprendemento medraría. Ademais disto asegurou que se as empresas do futuro queren vender os seus produtos son necesarios clientes que os compren polo que se dinamizaría o mercado. Como vantaxe adicional, a nivel administrativo, a medida simplificaría moitos trámites xa que por unha banda substitúe a outros e pola outra, ao ser fixa, non está condicionada a circunstancias sociais ou económicas que teñan que ser corroboradas. 

  O programa inicial tenta ser un experimento contido para valorar posteriormente a posible implantación completa en todo o país.

  12 xaneiro 2017

  Non é universal nin é completamente incondicional, pero é unha solución imaxinativa e será unha referencia obrigada para a economía crítica. De momento, é pouco máis que un experimento, que durará ata o 31 de decembro de 2018 e que involucrará a 2.000 persoas escollidas de forma aleatoria entre os solicitantes de emprego. Desde o 1 de xaneiro, Finlandia converteuse no primeiro país europeo en ensaiar a posta en marcha dunha Renda Básica, unha proposta que moitos economistas defenden como a solución máis racional e xusta á crise do emprego e a crise económica que atenaza a Europa.

  Mediante a introdución desta Renda Básica, que non é universal polo momento -xa que exclúe por razóns de idade e só selecciona a solicitantes de emprego-, preténdese comprobar se o ingreso motiva aos desempregados a buscar un traballo acorde cos seus intereses e capacidades, como defenden os grandes teóricos do Basic Income. O obxectivo, segundo o Goberno finés, de centro dereita, é triplo: reducir a burocracia, atallar a pobreza e impulsar o emprego.

  Para iso, o Goberno achegará un ingreso de 560 euros a cada un deses 2.000 "coellos de indias", cuxo rango de idade estará entre os 25 e os 58 anos. Esa cantidade restarase dos outros beneficios sociais que perciban. O director de Kela anunciou que a proposta pode ser ampliada a outros grupos de baixos ingresos, como os autónomos e os traballadores a tempo parcial. 

  O país báltico mantén un complexo sistema de axudas sociais que, segundo detectou o Instituto da Seguridade Social finés (Kela) pode desincentivar a procura activa de emprego dalgúns dos 213.000 empregados (o 8% da poboación) que se atopa no desemprego. Agora, exponse construír un "novo modelo de seguridade social", segundo Kela.

  O ingreso que acaba de entrar en vigor impulsará aos perceptores, segundo o Goberno, a aceptar traballos de baixos salarios e a tempo parcial que non aceptarían doutro xeito por medo a perder algunhas das axudas preexistentes, segundo o Goberno. O ingreso non se retira se se atopa un traballo nen se os ingresos aumentan.

  Nun país con múltiples axudas sociais e un Estado de benestar robusto, a clave da proposta reside na aproximación á incondicionalidade: o Goberno non examinará onde foron a parar os 560 euros entregados. Nin facturas, nin recibos, nin exames. Tampouco estarán suxeitos a ningún imposto directo. Isto diferencia o proxecto posto en marcha en Finlandia doutras axudas, como a que mantén a Comunidade Autónoma Vasca no Estado español ou os subsidios condicionados existentes en países como Reino Unido.

  Con todo, como defende a economista Frances Coppola en Forbes, a medida sáltase algunhas das potencialidades do concepto de Renda Básica, ao asociar a iniciativa ao aforro das prestacións sociais por parte do Goberno finés. 

  Derivación libre de Diagonal.
  Foto: Estación (Helsinki) de E-distrito

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.