e-distrito


O sisón, case extinguido en Galicia, Ave do Ano 2017.

O sisón, case extinguido en Galicia, Ave do Ano 2017.

  Ave do ano para SEO-Birdlife, está ligado ao mundo agrario dos grandes pasteiros, e só quedan algúns exemplares na Terra Chá e na Limia.

  20 xaneiro 2017

  O Sisón é un pequeno xigante. Esta variedade de avetarda pode pesar case un kilo, cunha envergadura case dun metro. Habitual dos grandes campos de cultivo, en Galicia está case desaparecida, tras séculos de forte presenza, cando era habitual no eido rural en toda Europa central e occidental. Na actualidade, aquí só poden atoparse algunhas parellas reprodutoras nas bisbarras da Limia e da Terra Chá.

  Pero o Sisón, tamén coñecido como Suseiro (aínda que non hai referencias deste animal no Diccionario da Real Academia Galega) vén de converterse en protagonista. Porque a organización Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) o nomeu Ave do Ano 2017. Ao longo de 12 meses desenvolverán unha campaña de concienciación para salvar unha especie que vive en perigo de desaparición.

  SEO-Birdlife escolleu ao sisón común como ave do ano, nun intento de concienciar sobre o delicado estado de conservación da especie. Posuidor dun son particular (un característico ‘Trrrrr‘ que lle dá o seu nome), a súa poboación diminuíu polos avances tecnolóxicos agrícolas e outras accións humanas.

  “Habitual nos campos dos nosos avós, a súa presenza viuse reducida e poida que os nosos fillos nunca cheguen a velo”, explicou Asunción Ruíz, directora executiva da SEO. Antigamente estendida desde o oeste de Europa e o noroeste de África, en Europa tan só quedan aves no sector occidental (España, Portugal, Francia e Sardeña) e no extremo leste (a partir do sur de Rusia).

  O sisón é unha pequena avutarda de entre 700 e 900 gramos de peso, cunha plumaxe parda pouco rechamante para camuflarse nos campos de cereal e pasteiros secos que conforman o seu hábitat. Os machos mudan a plumaxe na primavera, adquirindo unha combinación branca e negra visible a gran distancia.

.

  En España, o Sisón está  catalogada como “Vulnerable” (o último censo foi publicado no 2005) e atópase na Lista Vermella das Aves de Europa. En Galicia, xa só se poden atopar algúns exemplares nas comarcas da Limia e da Terra Chá. A evolución negativa das poboacións pódese basear na destrución ou transformación dos seus hábitats -campos de cereal e pasteiros- por prácticas agrícolas intensivas ou abandono. Á intensificación agraria súmanse puntualmente causas de mortalidade non natural: maquinaria agrícola, valados e tendidos eléctricos, caza ilegal, atropelos, repoboacións forestais, estradas e urbanizacións.

  Derivación de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.