e-distrito


El Corte Inglés condenado por consentir acoso sexual a unha traballadora.

El Corte Inglés condenado por consentir acoso sexual a unha traballadora.

  A empresa e un xefe de tenda deberán indemnizar a vítima con 30.000 euros.

  Constatouse que El Corte Inglés non fixo nada a pesar de ter probas da existencia de persecución e ameazas limitándose a negar o acoso. Incluso se lle denegou á vítima a petición para trasladarse de centro de traballo co que pretendía alonxarse do acosador.

  30 xaneiro 2017

  O Xulgado do Social nº 3 de A Coruña vén de condenar a un xefe de tenda e a EL CORTE INGLÉS, S.A. por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora do centro de oportunidades de Altamira (Cambre) por acoso sexual e laboral. Na resolución tamén se  condena a empresa e ao responsábel da tenda a indemnizar a traballadora solidariamente na contía de 30.000 euros.

  Órganos ineficaces

  Aínda que El Corte Inglés conta cunha Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso, e a pesar de que o citado órgano investigador aplicou a incoación dun protocolo preventivo, este foi inoperativo e ineficaz, o que deixa en tela de xuízo a existencia destes mecanismos preventivos creados polas propias empresas, cuxa función, ten carácter puramente propagandístico, coa única función de proxectar a imaxe dunha empresa solvente e garante dos dereitos das traballadoras.

  Consta acreditado na sentenza que El Corte Inglés, a pesar de existir probas evidentes do acoso que sufría a traballadora, que incluso chegou a activar o protocolo de tratamento que existe na empresa para afrontar estas situacións, non tomou ningunha medida preventiva, deixándoa na máis absoluta indefensión.

  El Corte Inglés negou a existencia de acoso

  A actuación de El Corte Inglés en todo momento foi a de negar a existencia do acoso e isto aínda tendo pleno coñecemento de que a traballadora se atopaba de baixa laboral por síndrome de estrés postraumático con causa no acoso laboral. Denegóuselle á vítima o traslado de centro que solicitara para protexerse da conduta denunciada sen máis motivo que minar as súas forzas.

  A este respecto, a xuíza subliña que neste caso "non pode dicirse que a situación denunciada fora puntual ou episódica, senón todo o contrario, moi prolongada no tempo, o que significa que calquera tipo de control brillou pola súa ausencia. A empresa debería ter implantado os controis necesarios para evitar este tipo de condutas", ás que non puxo remedio nin tras intervir a Inspección de Traballo.

  A este respecto, a xuíza subliña que neste caso "non pode dicirse que a situación denunciada fora puntual ou episódica, senón todo o contrario, moi prolongada no tempo, o que significa que calquera tipo de control brillou pola súa ausencia. A empresa debería ter implantado os controis necesarios para evitar este tipo de condutas", ás que non puxo remedio nin tras intervir a Inspección de Traballo.

  Persecución constante, ameazas, humillacións...

  Os feitos denunciados remóntanse a finais de 2013, cando a traballadora (que leva na empresa dende o ano 2002) foi destinada ao centro de Altamira. O que nun principio parecía un trato amigábel por parte do xerente, converteuse pronto nunha manifesta actitude de acoso sexual. Ante o rexeitamento da traballadora ás insinuacións e tocamentos, o xefe comezou unha persecución laboral contra dela, na que tamén involucrou a outros encargados do centro.

  Empezaron entón os insultos, as humillacións diante de compañeiros/as e clientes/as, as chamadas de atención continuadas, denegacións de permisos, ameazas de despedimento, difusión de rumores falsos sobre a vítima, vexacións, etc. Esta persecución constante deteriorou a saúde da traballadora, que sufriu varias crises nerviosas e finalmente diagnostícaselle un cadro ansioso-depresivo derivado desta situación de acoso, tendo que recibir terapia psicolóxica por estrés postraumático.

  En outubro de 2015, ao non poder aturar máis esta situación, a traballadora solicita a activación do Protocolo contra o acoso ante a Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso do Corte Inglés (CITSA). Nese momento, volve pedir un cambio de centro de traballo (xa o solicitara sen éxito en maio dese ano) para que se garanta o seu dereito "a unha contorna libre de condutas e comportamentos hostís ou intimidatorios, garantindo así o dereito á dignidade e á integridade física e moral".

  A empresa impide o cambio de centro

  En todo momento, El Corte Inglés negou a existencia do acoso e impide mesmo o traslado de centro de traballo como medida de protección. Esta resolución, carente de todo fundamento e que só se pode entender como un castigo, deixa en total desamparo e indefensión á traballadora, que, ante a inacción e insensibilidade da empresa decide presentar denunciar na Inspección de Traballo (que motivou un requirimento á empresa que non abarcaba a gravidade dos feitos denunciados e contra o que se puxo a correspondente reclamación).

  Denuncia na Garda Civil

  Posteriormente, o 15 de decembro de 2015, a traballadora, ante a inacción da empresa e as institucións, interpón denuncia no Cuartel da Garda Civil de Culleredo que deu lugar ás Dilixencias Previas 24/2016 no Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña- actualmente, en fase de instrución por se, a gravidade denunciada e constatada nesta sentenza, puidera revestir delito-. Xa por último, interpúxose pola traballadora a demanda de protección de dereitos fundamentais na xurisdición social que deu lugar a esta sentenza que é a primeira en resolver a cuestión.

  Derivación de CIG

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.