e-distrito


Xunta e Fomento admiten que a chegada do AVE en 2018 era imposible e adíana agora a 2020

Xunta e Fomento admiten que a chegada do AVE en 2018 era imposible e adíana agora a 2020

  Feijóo prometera que se gañaba en 2009 habería AVE nesa mesma lexislatura; nas eleccións de 2012 aseguraba a súa chegada para 2015; e na campaña electoral de 2016 establecía a data límite para 2018. 

  As promesas iniciais de Aznar e Fraga a primeiros de século anunciaban o AVE como primeira data para 2009. Coa chegada ao goberno de Zapatero e Magdalena Álvarez a segunda data pasaba a ser 2012. Xa coa chegada da crise en 2009 Feijóo e José Blanco reuníanse para acordar a terceira data: 2015. A chegada de Rajoy ao goberno desembocada nun "pacto solemne" en que o presidente do goberno e Feijóo constataban a que xa era a cuarta data programada, o ano 2018. A Xunta e Fomento veñen de anunciar un novo horizonte: 2019 -xusto despois da celebración das eleccións municipais- como chegada "en probas", e o 2020 como "chegada efectiva".

  01 febreiro 2017

  Tras 2009, data sinalada no inicio dos traballos do que se presentaba como xermolo do AVE galego, chegaron 2010, 2012, 2015 e 2018. E dende este martes, 2019. O ano no que se celebrarán as vindeiras eleccións municipais e europeas é o anunciado polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta como novo horizonte. Concretamente, o "terceiro trimestre" dese exercicio, isto é, despois deses comicios, pero só para a chegada en probas, polo que o prazo efectivo será 2020.

  Íñigo de la Serna recibiu este martes na sede do seu Ministerio a Alberto Núñez Feijóo, á conselleira de Infraestruturas e mais ao xefe do gabinete do presidente para lles referendar a demora. Tras unhas dúas horas de xuntanza o titular da Xunta anunciou ante a prensa que, segundo De la Serna, ese é o novo prazo para que as obras "estean concluídas" e transiten polas vías os "trens de comprobación".

  Non é a data, daquela, para a entrada en servizo, para que sexa posible viaxar en tren de alta velocidade entre Galicia e a Meseta, tal e como se fixara ata agora e tal e como esixira o PP galego ao ministro socialista José Blanco. Deste xeito a nova demora roldará cando menos os dous anos, se ben Feijóo reduce o "deslizamento da finalización" a "oito ou nove meses".

  O propio ministro De la Serna admite que tras o remate das obras a posta en servizo da liña non é, nin de lonxe, inmediata. Cómpren uns tres ou catro meses de probas, explica polo que no escenario máis optimista estes traballos estarán concluídos antes de 2020.

  O trazado que ambos dirixentes presentan como o da chegada definitiva do AVE a Galicia non é, así e todo, o que o propio goberno da Xunta vía esencial no ano 2011, cando o PSOE aínda gobernaba en España e Feijóo consideraba que o trazado non se podía dar por finalizado ata a súa conclusión. A variante de Taboadela, en Ourense, non estará operativa nin de lonxe nesa data e os primeiros trens circularán cunha solución provisional. "Estamos en disposición -sinala o ministro- de realizar un investimento que non será menor, que será importante, para conseguir reducir sensiblemente os tempos de viaxe entre Toaboadela e Ourense". El mesmo, mantén, visitará as obras cada tres meses para "comprobar o seu estado".

  A ultima data politicamente vixente ata agora durou algo máis de catro anos nos discursos oficiais, aínda que técnicamente tornara en imposible moito antes. Fora lanzada a finais do verán de 2012, mes e medio antes das eleccións galegas dese outono, e o encargado de poñela en escena fora Mariano Rajoy nun acto de partido compartido con Feijóo. Ese horizonte incluíuse nos sucesivos programas electorais do PP tanto para os comicios xerais como para os autonómicos, tamén nos do pasado setembro, cando na súa proposta programática os populares galegos fixaban 2018 como horizonte "irrenunciable" para o remate da liña malia ser xa inviable.

  Malia a esas promesas o presidente da Xunta defende agora que a nova demora vén provocada polo feito de que o Goberno de España estivese en funcións durante un ano. Mentres o Executivo de Rajoy tiña as súas competencias limitadas ambos mandatarios teimaron en anunciar o 2018.

  A imposibilidade de cumprir o prazo mantido polos dous primeiros ministros de Fomento do goberno Rajoy, Ana Pastor e -interinamente- Rafael Catalá non foi admitida publicamente ata o pasado decembro, cando De la Serna chegou ao Ministerio e mantivo o seu primeiro encontro institucional con Feijóo. "Quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai", dixera daquela o ex-alcalde de Santander, recoñecendo que as "dificultades de execución" e os "problemas administrativos" provocaban que non estivese "en condicións de trasladar un prazo concreto".

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.