e-distrito


Norwegian Airlines inclúe a imaxe de Rosalía de Castro nun avión da súa flota.

Norwegian Airlines inclúe a imaxe de Rosalía de Castro nun avión da súa flota.

  Paralelamente Xunta e Ministerio de Fomento acordan que Lavacolla pase a denominarse Aeroporto Rosalía de Castro.

  02 febreiro 2017

  Rosalía de Castro sucando o ceo de todo o mundo. Así será logo de que a compañía Norwegian optase por incluír unha imaxe da escritora galega no temón de cola dun dos seus novos avións. O Boeing 737-800, de 186 prazas, lucirá cunha enorme reprodución do rostro que acabará de montarse na aeronave no hangar que a firma ten en Oslo durante o vindeiro mes de marzo.

  O anuncio de Norwegian coincide coa nova de que o Ministerio de Fomento vén de dar o visto e prace para que o aeroporto de Lavacolla pase a denominarse tamén Rosalía de Castro. "Unha cousa non ten nada que ver coa outra; é unha coincidencia porque a nosa intención xa era anuncialo nesta semana pero é algo que se xestou desde hai bastantes meses", explican desde a empresa nórdica, que ten o costume desde hai máis dunha década de decorar os seus avións con personaxes históricas. Ademais, desde hai un ano, a aeroliña optou tamén por personaxes con relevancia no Estado e no Reino Unido, ao seren "dous mercados moi importantes" para eles.

  Foi en 2002 cando Norwegian empezou a incorporar imaxes de persoeiros senlleiros. "A empresa logrou aquel ano empezar a rachar cun monopolio estatal que en Noruega había nos voos nacionais; para celebralo, decidiuse decorar os temóns de cola desta maneira", explica Alfons Claver, responsable de comunicación corporativa da compañía. "Os e as protagonistas tiñan que ser pioneiros, alguén que tivese roto cos esquemas, que ensinase novos camiños", engade quen aclara que dos 121 avións que na actualidade posúe a firma, 85 están decorados, a maioría con homes e mulleres escandinavos. 

  E por que Rosalía? Tamén polo seu carácter e influxo rompedor. "Quere reivindicar o seu dobre papel pioneiro, na recuperación do galego como lingua de cultura e o seu papel como matriarca das letras galegas, por unha banda, e na emancipación da muller polo outro", explica Miguel Urresti, responsable de márketing de Norwegian en España. 

  Claver incide no motivo da decisión. O 180º aniversario do seu nacemento, neste 2017, pero o máis importante, insiste, ten que ver co idioma e co seu espírito rebelde. "A elección era ideal: Rosalía recuperou o galego como lingua de cultura cando, no século XIX, era un idioma rexeitado pola burguesía local, foi a bandeira do Rexurdimento; ademais, foi pioneira do feminismo, un papel se cadra menos coñecido, pero tamén defensora dos máis desfavorecidos e dos labregos de Galicia", asegura.

  Unha vez decidido, Norwegian púxose en contacto coa Fundación Rosalía de Castro. "Pedímoslle o seu asesoramento, tamén porque era necesaria unha imaxe representantiva pero tamén de gran calidade porque o tamaño é moi considerable", explica a compañía, que lembra que a figura utilizada é a mesma que inspirou a última serie de billetes de 500 pesetas, emitida pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre entre 1982 e 1987.

  "Rosalía mostrou a senda que multitude de mulleres e homes seguiron ao longo do último século e medio", remata Urresti sobre a decisión dunha compañía na que a escritora galega únese nos seus avións a outras personaxes como Cristóbal Colón, Juan Sebastián Elcano, Miguel de Cervantes, Gloria Fuertes e Clara Campoamor.

  Derivado de Praza.
  Foto: Norwegian.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.