e-distrito


PP e PSOE rexeitan a moción de confianza do goberno municipal.

PP e PSOE rexeitan a moción de confianza do goberno municipal.

  A Coruña/ Xulio Ferreiro pide aos socialistas que "decidan": "Non podemos seguir nunha deriva que só alimenta a un PP ao que a cidade lle dá as costas". O PP pide rescatar a cidade da inseguridade suciedade e caos.

  06 febreiro 2017

  Os votos de PP e PSOE tombaron este sábado a cuestión de confianza formulada polo goberno da Marea Atlántica na Coruña para aprobar os orzamentos de 2017. Tras a ruptura de conversas co grupo socialista o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, deu en "poñer o goberno á disposición da cidade" para que "cadaquén decida de que lado está e asuma a súa responsabilidade" e a moción foi rexeitada por socialistas e populares, mentres que o BNG e a propia Marea votaron a prol. Ábrese agora un prazo dun mes para que dende a oposición se formule unha moción de censura "con candidato alternativo a alcalde", segundo estipula a lei, e a esa operación convidaron os conservadores. Caso contrario, Ferreiro ficará ratificado no cargo e as contas, aprobadas inicialmente.

  O pleno desenvolveuse nun clima a medio camiño entre a tensión e a reivindicación. Así se plasmou no espazo do pazo municipal reservado ao público e tamén nos discursos. O voceiro socialista, José Manuel García, culpou a Marea de facer "imposible" un acordo co PSOE porque, en última instancia, "preferirían que o Partido Socialista non existise". "Non podemos outorgarlle a nosa confianza porque se encargou de difundir que non confía en nós", afirmou. A súa formación, di, optou polo "non" no pleno para que Ferreiro estea "un mes en funcións", tempo "dabondo para reflexionar e atopar camiños comúns". "Dependerá da súa vontade, é a súa responsabilidade gañar a confianza dos socialistas", reta.

  A dureza marcou tamén a intervención da voceira do PP, Rosa Gallego, quen inzou o seu discurso de peticións de "dimisión" do alcalde. A cidade, caricaturiza a conservadora, "cae a cachos como o estadio de Riazor", está instalada no "desmadre" por culpa dun goberno que "prioriza os batracios, as pancartas e as leitugas" e un rexedor que "vai de vítima". A Marea, acusa Gallego, "aposta pola suciedade", pola "inseguridade cidadá" ou por "afogar os comerciantes" e por iso o PP quere que marche. Eis a razón para convidar o resto de grupos a que decidan "se se poñen do lado do caos" ou "do rescate da cidade", isto é, do PP. A oferta conservadora xa fora rexeitada plenamente pola representante do BNG, Avia Beira, quen anunciou seu si "crítico" a un goberno ao que, resalta, apoiará sempre que aplique "políticas avanzadas" e ao que insta a non practicar o "vitimismo" e ter en conta que "raras veces os votantes conceden unha segunda oportunidade" a un goberno progresista.

  "Condenados a entendernos"

  O relato da ruptura das negociacións exposto por García foi contraposto por Ferreiro cunha reprodución da gravación da rolda de prensa en que o voceiro socialista expuxo ante os medios as características do pacto que, asegurara, xa culminara. "Non entendo como cun acordo a piques de pecharse, cando estabamos restablecendo esa confianza tan difícil de acadar, tivo a torpeza de dar esa rolda de prensa e dar por pechado un acordo que aínda non o fora", lamentou o alcalde, quen non obstante mantén que Marea e PSOE están "condenados a entenderse". "Porque cando non nos entendemos xa sabemos o que pasa" e "non podemos seguir nunha deriva que só alimenta a un PP derrotado, ao que a cidade lle deu as costas" e que se "encomenda aos elementos e clama por tempestades para facer oposición", aínda que isto implique "precipitarse cara á demagoxia máis lamentable".

  Cómpre, advirte Ferreiro, "decidir" se "queremos seguir pola senda" do "cambio ilusionante" iniciada en maio de 2015 ou "pola senda do PP, a da desfeita do ofimático, a da defeita xudicial no edificio Conde de Fenosa, o das listas de agarda nos servizos sociais, a especulación e as obras chapuceiras". "Non hai ningunha animadversión pola miña banda cara ao Partido Socialista", retruca a García, e por iso malia aos "reproches" di observar "vimbios para construír en común esta cidade" aínda que agora os socialistas estean "enfadados" e padezan problemas internos. "Temos moitas cousas en común", como as políticas sobre a área metropolitana, a mobilidade ou os museos, di, e isto non impide recoñecer as "sombras" dos gobernos socialistas.

  "Espero que hoxe non sexa un punto de chegada, senón un punto de inflexión para continuar traballando", concluíu o alcalde coruñés, quen lamenta que o "enfado" socialista provoque o "entorpecemento" dos orzamentos durante un mes. "Non sei que sentido ten perder un mes", conclúe, tras instar a "non seguir alimentando os nosos desencontros, porque alimentan a quen a cidadanía lle retirou a súa confianza. "Sabemos o que pasou no estado e aínda o lamentamos, non repitamos a historia", di.

  Antes do inicio do pleno o goberno coruñés recibiu apoio de en torno a dous centenares de simpatizantes da Marea Atlántica que se concentraran ante o Pazo de María Pita entre lemas como "A Coruña non se vende" ou "o goberno non se vende". Entre as persoas asistentes á concentración atopábanse representantes de En Marea como o seu voceiro no Parlamento, Luís Villares, os deputados Manuel Lago e Luca Chao ou Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, representantes da formación no Congreso.

  En torno a unha hora antes da sesión plenaria tamén acudiron ao pazo municipal membros do PP como o deputado Gonzalo Trenor ou a senadora María Aparicio. Do mesmo xeito, simpatizantes populares que portaban pancartas co lema Ciudad de primera, alcalde de tercera, amosaron bufandas do Deportivo e consignas contra o goberno local tamén durante a sesión, xa no interior da casa consistorial. Membros do grupo conservador aplaudiron a súa presenza como mostra de "democracia".

  Derivación de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.