e-distrito


Portugal conxela a expansión do eucalipto ata 2030.

Portugal conxela a expansión do eucalipto ata 2030.

  Prevese o incremento de especies menos agresivas como o carballo ou o castiñeiro ata un 40%.

  07 febreiro 2017

  O eucalipto domina a superficie forestal de Portugal. As máis de 812.000 hectáreas rexistradas no inventario máis recente, elaborado en 2010 e difundido en 2013, indican que esta especie é a máis abondosa do país, cun 26% do total da superficie forestal e un incremento constante que a levou en década e media a substituír o piñeiro bravo como dominante nos montes do país veciño. "Verifica-se um aumento da área de eucalipto de cerca de 95.000 hectáreas" dende 1995, resumía no seu informe máis recente o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas. Este é o contexto no que o actual Goberno portugués está ultimar a súa reforma forestal, un paquete de 12 normas que inclúen unha moratoria á expansión do eucalipto ata o ano 2030, posibilidade desbotada recorrentemente en Galicia por parte da Xunta.

  Tal e como recolle o xornal Público na súa edición deste 6 de febreiro a pasada semana rematou o período de exposición e discusión pública da reforma forestal, un proxecto no que o ministro de Agricultura, Luís Capoulas Santos, presenta como algunhas das medidas "máis innovadoras" proxectos que en Galicia xa existen, como "os que criam o Banco de Terras", co que "pretendemos otimizar o uso do património fundiário já pertencente ao estado, assim como, do património que vier a ser identificado como sem dono conhecido". Xunto a elas figura o freo ao eucalipto.

  Fronte ás fortes críticas pola banda da industria, que acusan o goberno socialista -apoiado na limitación do eucalipto tanto polo Bloco de Esquerda como polo PCP- de estar a dar unha "resposta política" e "ideolóxica" a unha cuestión puramente técnica -"Portugal devia estar orgulhoso de ter o eucalipto", afirmaban voceiros da industria o pasado verán-, o ministro defende a medida e advirte, ademais de que non é patrimonio exclusivo da esquerda. Non en van, "estamos apenas a respeitar e a cumprir" a Estratégia Nacional para as Florestas (ENF), un plan xa aprobado polo anterior goberno da dereita que fixa os horizontes forestais ata o devandito ano 2030.

  Esa ENF, que o Goberno socialista prevé desenvolver xunto á súa propia reforma, establece valores mínimos e máximos de superficie forestal para cada especie e, no caso do eucalipto, o obxectivo é que o incremento sexa dun 0%, isto é, que se manteña nas 812.000 hectáreas. Isto non implica, advirte o primeiro ministro, António Costa, que as empresas que teñen o eucalipto como materia prima vaian ser menos produtivas. "A produtividade média que temos por hectare é baixíssima e temos condições de a melhorar significativamente", asegura, e para iso non é necesario "aumentar as áreas de povoamento".

  Fronte á conxelación do eucalipto, a ENF prevé incrementar a superficie doutras especies menos agresivas para o medio, a comezar polo carballo e o castiñeiro, para os que aspira a un incremento do 40% no período. Tamén coida que debera aumentar a superficie de piñeiro, sobreiras e outras árbores frondosas. Malia a estas medidas, admite, o eucalipto seguiría a representar en 2030 máis dun 20% da superficie forestal total, pero xa estaría por tras das sobreiras.

  Derivación de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.