e-distrito


Opinión: "Desleixo colonial" por X A Pérez Lema.

Opinión: "Desleixo colonial" por X A Pérez Lema.

  Cortes eléctricos en 176.000 fogares galegos. No país que máis enerxía produce do Estado sofrimos os peores cortes por padecer os peores servizos de mantemento.

  07 febreiro 2017

  Diciamos, noutro foro, que a tarifa eléctrica única (todos pagan igual no Estado, mesmo os consumidores galegos pagamos 23 M€/ano máis ao nos obrigar a pagar adicionalmente o canon eólico que recada a Xunta) prexudicaba grandemente ao noso País fronte a territorios de grande consumo e nula produción como Madrid. Nós somos os que sofrimos os custos ambientais, paisaxísticos, de expropiacións, derivados da produción e nós non podemos usar o noso excedente eléctrico (máis do 38%) para atraer investimentos industriais que incrementen substancialmente o noso PIB e o emprego de calidade.

  Estes dias vivimos outra faciana da mesma realidade: os cortes eléctricos que sofriron 176.000 fogares galegos e que este domingo aínda sofrían 28.000. É verdade que a meteoroloxía sempre pode xerar efectos prexudiciais, mais non se diga que non houbo aviso desta volta. O que ocorre é que as redes de media e baixa tensión presentan un grao de pésimo mantemento e que o monopolio distribuidor no territorio, Gas Natural Fenosa, externalizou e reduciu substancialmente os seus servizos até o extremo de non ser quen de restablecer a subministración eléctrica despois de máis de 72 horas de corte. No país que máis enerxía produce do Estado sofrimos os peores cortes por padecer os peores servizos de mantemento.

  Correspóndenlle á Xunta as competencias de inspección e sanción no eido da subministración enerxética. Pero, como adoita pasar, non soubemos nada do conselleiro de Economía e Industria. Para máis a Xunta non usou dos seus propios medios persoais para reducir os danos causados pola climatoloxía adversa. Os bombeiros forestais de Galicia veñen de denunciar, pampos e indignados, que a Xunta non os mobilizou nesta crise.

  Nesta crise de emerxencias non soubemos tampouco de Feijóo. O caso é que o propio presidente dicía hai só unha semana que ninguén en España entendería unha tarifa eléctrica propia para Galicia. Ben chocante que a persoa a quen lle encargamos a defensa dos intereses galegos adopte a actitude do colonizado e defenda esa tarifa eléctrica que fai posíbel o expolio enerxético galego. Ao mellor nos explicamos agora aquela aperta co presidente de Iberdrola na sua toma de posesión en abril do 2009.

  - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.