e-distrito


Caso Gürtel: 13 anos de cadea para Pablo Crespo, ex-Secretario do PP galego.

Caso Gürtel: 13 anos de cadea para Pablo Crespo, ex-Secretario do PP galego.

  Francisco Correa, Álvaro Pérez El Bigotes e Pablo Crespo condenados por delitos de malversación de diñeiro público, suborno, falsidade, tráfico de influencias e asociación ilícita. 

  10 febreiro 2017

  Pablo Crespo terá que volver á cadea. O Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana vén de condenar a 13 anos de prisión os líderes da trama Gürtel, Francisco Correa, Álvaro Pérez El Bigotes e o ex-secretario de Organización do PP. Todos eles por delitos de malversación de diñeiro público, suborno, falsidade, tráfico de influencias e asociación ilícita. Condénase ademais a 9 anos a unha ex-consellera do PP, Milagrosa Martínez, pola operación na que concederon de xeito irregular varias adxudicacións da Generalitat entre 2004 e 2009, cando o PP gobernaba esta autonomía, a unha empresa desta trama. O xefe de gabinete de Martínez, Rafael Betoret, que xa fora condenado no caso dos traxes no que Francisco Camps fora absolto, foi castigado a seis anos de cadea, mentres que outra ex-consellera de Turismo, Angélica Such, foi absolta, ao igual que o ex-xefe xurídico da Agencia Valenciana de Turismo, Juan Bover. 

  En total, 11 dos 13 encausados nesta primeira condena limitada á Comunitat Valenciana foron condenados nunha sentenza notificada a primeira hora deste venres. Investigaba o tribunal se a Generalitat, tal e como defendía a Fiscalía, adxudicara de maneira irregular entre 2005 e 2009 a Orange Market, unha empresa da trama Gürtel, os traballos do pavillón valenciano en Fitur. 

  Segundo a acusación pública, fíxoo malia a falta de experiencia da compañía, dos seus prezos -case sempre os máis caros- e de que a xustificación dos traballos facíanse alegando tarefas non feitas ou directamente facturas falsas. Orange Market facturou 5 millóns de euros só cos seus encargos para Fitur. Precisamente, o ditame chega un día despois de que varios empresarios, contratistas habituais da Administración, recoñecesen que financiaron ilegalmente o PP valenciano. 

  A sentenza, que xulga feitos cometidos desde 2005, tardou dez meses en redactarse desde a conclusión do xuízo e fontes xudiciais confirman que condicionará a estratexia de defensa de Correa e os seus achegados no resto das causas xudiciais da Gürtel. 

  É esta a primeira condena para Pablo Crespo, un dos grandes líderes da gran trama corrupta vinculada ao PP. Este ex-director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa foi número 3 do PPdeG e exerceu durante case unha década como como secretario de Organización dos populares galegos, entre 1995 e 2003. Foi neste último ano, logo da dimisión de Xosé Cuíña como secretario xeral do PP galego, cando Xesús Palmou o relevou, pero acabou como conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial e até que o goberno bipartito accedeu a San Caetano. 

  Durante a súa etapa no PPdeG foi un home discreto, pero todo o mundo sabía do seu poder: era o home do maletín nunha época na que circulaban moreas de lendas sobre o financiamento irregular do partido. Pasou máis dunha década e tres anos de cárcere para que Crespo, acusado dunha lista interminable de delitos como un dos xefes de Gürtel, develase os segredos económicos do PP de Fraga en 2013 a Jordi Évole no programa Salvados: "Declarabamos que nas campañas se gastaban 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro. Recibía doazóns que non se declaraban. Cada ano, polo menos uns 300.000 euros, o cal se incrementaba moitísimo en campaña. Entre un 35% do diñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado, por así dicilo. Metíase nuns cartafois de cartón azul con gomas que había hai anos. Era diñeiro non declarado. Era parte do meu traballo, eu tiña que coidar que esas doazóns que chegaban non se perdesen polo camiño. A organización por dentro funcionaba así e até hai pouco seguía facéndoo. O meu traballo era conservar a estrutura aboiando, que a xente cobrase a fin de mes e os provedores cobrasen a fin de mes. Eu era consciente de que eran métodos irregulares".

  Nunha entrevista de hai case catro anos, recoñecía tamén que "no PPdeG era normal recibir doazóns en metálico". "É certo que eu lle entreguei, no meu papel de secretario de Organización do partido, 21 millóns de pesetas ao tesoureiro nacional do PP, concretamente a Álvaro Lapuerta", dicía. E así o deixou escrito Luis Bárcenas  nos seus famosos papeis. 

  Porque esta primeira condena é a menor. No caso que leva a Audiencia Nacional, a Fiscalía pídelle 85 anos de cárcere por unha morea interminable de delitos: "fraude continuada ás Administracións Públicas, suborno activo continuado, falsidade continuada, malversación de caudais públicos continuada, delito continuado de malversación en concurso con delito de prevaricación continuada, delito contra a Facenda Pública polo concepto de IRPF de 2003 e 2004, branqueo de capitais, tráfico de influencias continuado, delito continuado de fraudes e exacciones ilegais ás Administracións". Foi, ademais, durante ese xuízo onde ratificou as débedas que o PPdeG mantiña coa Gürtel e asumiu que a trama reclamou a Fraga unha débeda por campañas electorais de 1999 e 2001. 

  Rematadas as guerras fratricidas no PPdeG, tan só un pequeno círculo de dirixentes están convencidos de que Crespo podería aínda contar máis. Por exemplo, os sobresoldos que recoñeceu pagar a varios políticos do PP galego "co coñecemento da dirección do partido", cando Rajoy era secretario xeral. Pero polo momento, decidiu calar.

  Derivación de Praza
  Foto: Marta Jara

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.