e-distrito


A extinción sen remedio da pita do monte en Galicia

A extinción sen remedio da pita do monte en Galicia

  A caza furtiva contribuíu á desaparición deste emblema dos Ancares, que agoniza no resto da cordilleira Cantábrica

  13 febreiro 2017

  Unha das obras máis coñecidas da cerámica de Sargadelos é a da pita do monte, un emblema dos Ancares. Lamentablemente, desde hai case dous decenios só quedan as súas figuras e os seus retratos, porque xa non existe en Galicia. Os últimos rexistros de Tetrao urogallus cantabricus nos montes do país datan, segundo as fontes, dos anos 1999 e 2003.

  Foi unha extinción a velocidade de vertixe. A comezos dos 70, era unha cotizada especie de caza. O propio Manuel Fraga Iribarne, nunha entrevista coa revista Trofeo no ano 1972, presumía de cazar pitas do monte: “Recuérdese lo que dice del urogallo la Enciclopedia Larousse de la Caza: el tiro más prestigioso, que justifica todos los desplazamientos”, sostiña o finado ministro franquista e presidente da Xunta. Durante unha das súas habituais xornadas de caza, chegou a haber unha protesta dun grupo ecoloxista que acabou coa intervención da Garda Civil.

  A finais da década, no 1979, e á vista dos estragos que causaba a súa caza, decretouse a veda. Sete anos despois, no 1986, a pita do monte foi declarada especie protexida. Pero xa era demasiado tarde.

  O ecólogo Ignacio Munilla, que foi profesor na Universidade de Vigo, investigador Ramón y Cajal na USC e autor do Plan de Conservación da poboación galega desta ave, apunta precisamente á caza ilegal como a principal causa da súa extinción en Galicia. “É nos anos 70 cando comeza a haber rexistros do número de exemplares. Pouco despois, nos 80, a especie entra nun declive catastrófico“, que só se pode explicar demográficamente coa concurrencia dun factor de mortalidade que afecta aos adultos.

  Nun albergue dos ancares consérvase, desecado, un dos exemplares cazado por fraga.

  Nun albergue dos Ancares consérvase, desecado, un dos exemplares cazado por Fraga.

  Hai varias probas, segundo Munilla, que evidencian o factor da caza furtiva como o principal causante da extinción. “É unha especie fácil para cazar. Na época de celo, a comezos da primavera, os machos van aos cantadeiros, onde esperan a chegada das femias. Os cazadores só teñen que agardar, porque os machos están distraídos”. Os datos recollidos por Munilla e outros colegas sinalan que a taxa de declive da poboación era moi superior nos exemplares machos. “Había un factor (o da caza) que os afectaba especialmente”. Máis aínda, como apunta o ecólogo, cando en condicións naturais, os machos son bastante máis lonxevos que as femias.

  Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, adscrita á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, apuntan máis aspectos, como “a degradación do seu hábitat, o aumento dos predadores, o aumento das molestias en hábitat críticos e, fundamentalmente, o cambio climático”.

  O certo é que os montes de Cervantes (Lugo) marcaban o límite suroccidental da subespecie cantábrica. Outras subespecies do Tetrao urogallus espállanse polo norte de Europa, en latitudes boreais, sobre todo en Escandinavia e Rusia. Segundo explica Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e da Asociación Galega da Custodia do Territorio (AGCT), “as poboación extremas (periféricas), como o caso da poboación galega de pita do monte, son as máis sensibles e as que tenden a desaparecer primeiro”. Rivas tamén alude á depredación doutras especies e ao cambio climático como outras razóns para a desaparición da ave.

  A sangría, por desgraza, non  se detén coa extinción en Galicia. Ignacio Munilla sinala que os últimos datos da cornixa Cantábrica son “desastrosos“. Di que nas últimas mostraxes do censo asturiano, “os resultados son moito peor do que se esperaba”. Hai risco real, por tanto, de desaparición da subespecie cantábrica. Así o decretou o Goberno do Estado cando, en 2005, mudou a súa situación a “en perigo de extinción” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

  Ante este panorama, no ano 2004 aprobouse a “Estratexia para a conservación da pita de monte cantábrica en España”, na que Galicia toma parte. As liñas básicas da estratexia eran o desenvolvemento dun programa de cría en cautividade e a creación dunha reserva xenética, para previr unha posible “catástrofe demográfica”.

  Dentro deste plan, construíse no Parque Natural de Redes (Asturias), un centro de cría e reserva xenética co obxectivo de reintroducir exemplares no medio natural. Segundo a Xunta, a ZEPA dos Ancares sería unha das áreas potenciais de posibles soltas de exemplares que nacen nos centros de cría. Amais, en Galicia, o parque zoolóxico Avifauna, de titularidade privada e situado en Outeiro de Rei, tamén cría en cautividade varios exemplares de pita do monte desde hai case quince anos. Non en tanto, a finalidade é únicamente de exhibición, xa que os exemplares son da subespecie centroeuropea, non cantábrica, e non se enmarca dentro de ningún plan de recuperación.

  En 2010, a Unión Europea aprobou o proxecto Life+ Urogallo, no que se involucraron as catro comunidades (Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria) que albergaron nalgún momento á subespecie cantábrica.   Non en tanto, segundo informaba La Voz de Galicia no 2013, a Xunta renunciou ao plan debido aos recortes.

  Con todo,desde 2010, varias entidades galegas involucráronse no proxecto Life+. Entre elas, a AGCT, que asinou un acordo de custodia cos veciños de Piornedo (Cervantes) sobre o monte Agulleiro, un dos últimos bosques ocupados pola pita do monte en Galicia, segundo lembra Óscar Rivas. Incrementouse a presenza da arandeira (o arbusto do arando, un dos principais alimentos da especie), e adecuouse o terreo para “concentrar a herbivoría e evitar a presión excesiva do gando e os ungulados silvestres sobre o bosque”.

  Ao mesmo tempo, a AGCT e a SGO desenvolveron xornadas de divulgación sobre a especie, a última delas no pasado mes de agosto. Elaborouse tamén un documental sobre o proxecto que se pode ver baixo estas liñas:

  En decembro de 2016 culminou o traballo do proxecto Life+ coa publicación dos dez principais resultados. Entre outros asuntos, establecéronse as bases para a conservación futura da especie, mellorouse a calidade do hábitat, reducíronse as ameazas (supresión de valados perigosos e illamento das liñas eléctricas), cría en cautividade e liberación e seguimento de exemplares. Galicia quedou á marxe destas conclusións, aínda que algúns dos resultados poderán ser aplicados de cara a unha posible repoboación.

  A evolución da paisaxe nos Ancares, co despoboamento rural, as baixas densidades de gando e de depredadores e o aumento da masa forestal, podería contribuír positivamente nun hipotético intento de recuperar a presenza da especie na zona.

  Posibles solucións

  Os expertos aportan varias ideas para que a pita do monte volva a habitar os montes galegos. No 1999, Ignacio Munilla elaborou xunto a Rafael Romero o informe Bases para la recuperación y manejo de la población de urogallo en Galicia. A proposta de Munilla e Romero era establecer un corredor ecolóxico que conectase os Ancares coa zona do Bierzo, onde persiste unha das poboacións máis numerosas da especie, “favorecendo o rescate natural: que os individuos do núcleo principal de poboación ocupasen a zona deshabitada” grazas a dito corredor.

  Pero a proposta quedou en punto morto, e só se levaron a cabo as actuacións xa mencionadas no plan europeo Life+. “En Galicia, hoxe en día, apenas se está facendo nada“, conclúe Munilla. Desde a Xunta limítanse a enmarcar as súas actuacións á “participación nos grupos de traballo creados para esta especie en aras de fomentar e potenciar a coordinación técnica entre as administracións”, sen nomear ningunha iniciativa autonómica concreta para recuperar unha especie que, aínda extinguida, continúa a ser un símbolo no imaxinario colectivo de Galicia.

  Derivación de GCiencia

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.