e-distrito


O xenoma da quinoa potencia o seu uso para alimentar á población mundial.

O xenoma da quinoa potencia o seu uso para alimentar á población mundial.

  Este pseudocereal pode prosperar en entornos duros e medra ben en terras de mala calidade. É unha fonte máis equilibrada de nutrientes que os cereais.

  14 febreiro 2017

  Un grupo de científicos, liderados pola Universidade de Ciencia e Tecnoloxía Rei Abdalá de Arabia Saudita (KAUST, polas súas siglas en inglés), completou a primeira secuencia de alta calidade do xenoma Chenopodium quinoa. Este proxecto reuniu a un total de 33 investigadores de catro continentes, entre eles 20 persoas de sete grupos de investigación de KAUST.

  "A quinoa foi o alimento básico que alimentou ás antigas civilizacións andinas, pero a súa colleita foi marxinada cando os españois chegaron a América do Sur. Só recentemente renaceu como unha nova colleita de interese mundial", declara Mark Tester, de KAUST, director de equipo do proxecto. "Isto significa que a quinoa nunca se domesticou completamente ou criou no seu pleno potencial, a pesares de que proporciona unha fonte máis equilibrada de nutrientes para os seres humanos que os cereais", engade.

  Como primeiro paso para mellorar a nosa comprensión de como crece, madura e produce sementes a quinoa, o equipo de Tester decidiu secuenciar o seu xenoma. Utilizaron unha combinación de técnicas, incluíndo tecnoloxías de secuenciación de vangarda e mapeo xenético, para agrupar cromosomas completos de C. quinoa. O xenoma resultante é a secuencia de quinoa de máis alta calidade conseguida ata a data, e xa está a proporcionar información sobre os trazos da planta e os mecanismos de crecemento.

  "Un problema coa quinoa é que a planta produce, naturalmente, sementes de sabor amargo. Isto débese á acumulación de compostos químicos, chamados saponinas, nas sementes. Identificamos un dos xenes que cremos que controla a produción de saponinas na quinoa, o que facilitaría o cultivo de plantas sen estes compostos para facer que as sementes teñan un sabor máis doce", explica o investigador.

  Un pseudocereal con moito pontencial

  A secuenciación do xenoma da quinoa non só axuda aos científicos para entendela, senón tamén a modificala para un uso comercial máis estendido. Por exemplo, os agricultores poderían usar esta información xenética para aprender como controlar o tamaño da planta para favorecer que sexan máis curtas e máis compactas, para que tivesen menos probabilidades de caer.

  "Xa sabemos que a familia da planta de quinoa é incriblemente resistente. Pode crecer en chans pobres, salgados e en altas altitudes. É realmente unha planta moi dura. A quinoa podería proporcionar unha fonte de alimento sa e nutritiva para o mundo, usando terra e auga que actualmente non se pode utilizar. O novo xenoma dá un paso máis cara a este obxectivo", conclúen os investigadores.

  Derivación de SINC.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.