e-distrito


Así é o mildio que ameaza á pataca en Galicia e Asturias

Así é o mildio que ameaza á pataca en Galicia e Asturias

  O mildio guatemalteco, chegado a Galicia dende Canarias e que só actúa a nivel do mar, foi detectado en 31 municipios galegos e 11 asturianos.

  20 febreiro 2017

  A chamada "polilla guatemalteca" (Tecia solanivora Povolny), procedente de Centroamérica, foi detectada por primeira vez en 1999 en plantacións de pataca de Canarias, onde se segue loitando contra unha praga que esnaquiza as colleitas deste tubérculo. En 2015 o parasito saltou á Península, rexistrándose os primeiros casos en Galicia, nas proximidades de Ferrol.

  Os tímidos controis establecidos entón pola Xunta permitiron que o mildio afecte xa a 31 municipios do norte de Galicia e a 11 do occidente asturiano. Son zonas nas que a produción é maioritariamente para autoconsumo. Os sindicatos chaman a evitar a alarma social, pois este parasito só afecta as plantacións situadas a nivel do mar (a maior parte do tubérculo que se comercializa procede de Ourense, en zonas de máis altura).

  Con todo, critican o fracaso do Goberno galego á hora de controlar a extensión da praga e a falta de decisión nas medidas adoptadas nos últimos días, menos firmes que as tomadas por Asturias. Ademais, denúnciase a "inacción" do Goberno central, que desde hai semanas prepara un decreto que probablemente prohibirá durante dous anos a plantación de patacas nas comarcas afectadas, pero que aínda non aprobou. Desde o Sindicato Labrego Galego, lémbrase que esta "pasividade" está a provocar "confusión" en moitos agricultores. "En boa parte da zona afectada a pataca de cedo [que se planta entre xaneiro e febreiro] está a cultivarse xa, porque non houbo ningún aviso oficial que instase a facer o contrario. Desta maneira, o decreto do Ministerio prohibindo o cultivo podería chegar cando boa parte das patacas xa estean plantadas", sinalan.

  En xeral, sindicatos e técnicos sinalan que o mildio guatemalteco "é unha praga máis, non especialmente grave", pero alertan da necesidade de tomar medidas xa para evitar a súa extensión polo resto da Península Ibérica. Desde Unións Agrarias,  José Ramón González lembraba tamén o efecto dos recortes, que en 2010 eliminaron as axudas para agrupacións de defensa fitosanitaria, destacando "a falta que nos faría agora ter unha ferramenta deste tipo para loitar contra esta enfermidade".

  Protestas nos municipios: Ribadeo

  A Xunta estableceu controis tamén na comercialización, pero delegou nos municipios a supervisión dos mercados locais. Algún dos municipios afectados, como o de Ribadeo (Lugo) criticaron o que entenden como "abandono de funcións" por parte do Goberno galego: "En Ribadeo non temos afán de ser insumisos, e poderemos facelo porque somos un municipio mediano e temos policía local", sinalou o alcalde, Fernando Suárez. Pero pregúntase: "E nos numerosos municipios pequenos que non teñen policía local, van ir os alcaldes pola feira inmobilizando as patacas?".

  Suárez criticou publicamente a lentitude dos gobernos galego e central: "A Xunta non toma medidas de prohibición efectiva porque espera a que as tome o Ministerio de Agricultura. E o Ministerio, como o tema da pataca non é un asunto de Estado, como pode ser o aceite en Andalucía ou as laranxas no Levante, tómallo con moita calma".

  Derivación de El diario.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.