e-distrito


Miles de persoas protestan contra a Lomce na folga do ensino.

Miles de persoas protestan contra a Lomce na folga do ensino.

  A Xunta cifra o seguimento dos docentes nun 12% en centros públicos e 0,4% en concertados, UGT elevou a participación ao 63% de profesores. PGDEP estima que entre o 80 e 90% do alumnado seguiron o paro. 

  10 marzo 2.017

  Outra folga e importantes manifestacións contra a Lomce. O paro xeral foi importante en Galicia nunha xornada de protesta que, ao contrario que outras mobilizacións parciais das últimas semanas e meses, atinxiu todos os sectores da escola pública: estudantado de infantil á universidade, profesorado e familias. Nesta ocasión, ademais, tanto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público como a Plataforma En Defensa do Ensino Público coincidiron na convocatoria malia acudir por separado ás mobilizacións. 

  Hóuboas en todas as cidades contra ao mediodía. Nelas, sobre todo estudantes, pero tamén docentes e pais e nais, clamaron pola "derrogación" da coñecida como Lei Wert despois de que o Goberno de España e o Ministerio de Educación xa accedesen a non aplicala en todos os seus termos e mais polo fin do modelo "3+2" -tres anos de grao, dous de máster- na universidade. Xunto a estas reivindicacións, tamén a esixencia de convocatoria da oferta pública de emprego que remedie "os recortes" de persoal dos últimos anos e máis garantías de equidade no acceso á educación por vías como o incremento das bolsas.

  O seguimento da folga, no entanto, foi escaso ou exitoso segundo os datos achegados polos sindicatos e organizacións estudantís ou pola Consellería de Educación. Mentres a Xunta asegura que menos do 12% dos docentes acudiu á folga nos centros públicos e un escaso 0,4% nos concertados, UGT elevou a participación ao 63% dos profesores. En canto ao alumnado, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e Erguer cifraron en entre o 80% e o 90% o seguimento do paro xeral

  Nas mobilizacións, as da Plataforma Galega foron lideradas por pancartas nas que se podía ler Non á Lomce! Lei Galega de Educación. Nelas, insistiuse nas reivindicacións e, tal e como dixo Anxo Louzao, secreario nacional de CIG-Ensino, na petición á Xunta para que "deixe de actuar como un boneco e unha comparsa" co Goberno central. 

  Nas da Plataforma en Defensa do Ensino Público, reivindicáronse practicamente as mesmas cousas e, como dixo unha das voceiras, Paula Rodríguez, reclamouse o impulso a un "pacto educativo, social e político consensuado", un acordo do que, polo momento, tanto unhas organizacións como outras recean. 

  Sexa como for, a división da protesta contra a Lomce en dúas manifestacións deuse en todas as cidades galegas onde a comunidade educativa saíu á rúa. Ante esta situación, a plataforma Folga 9M, asembleas de alumnos, portaron pancartas durante o percorrido da marcha en Compostela esixindo un movemento estudantil "que non siga intereses partidistas"

  Derivación libre de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.