e-distrito


Opinión: "As grandes oportunidades da lusofonía" por X A Pérez Lema.

Opinión: "As grandes oportunidades da lusofonía" por X A Pérez Lema.

  A nosa comunidade lingüística con Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Sào Tomé e Príncipe, Guiné Bissau, Cabo Verde e Timor Leste constitúe unha fonte de oportunidades nos eidos empresarial, cultural e político.

  13 marzo 2.017

  A aprobación da iniciativa lexislativa Paz Andrade foi o primeiro chanzo para a aproximación real da Galicia ás lusofonías, mais non será abondo se este proceso segue a ser tan absurdamente lento nun mundo nos que as remudas avanzan a grande velocidade.

  A nosa comunidade lingüística con Portugal na Europa, Brasil na América, Angola, Mozambique, Sào Tomé e Príncipe, Guiné Bissau e Cabo Verde na África e Timor Leste na Asia constitúe unha fonte de oportunidades, nomeadamente no eido empresarial, mais tamén no cultural e no político. Para alén, no segundo circo da lusofonía achegámonos á China a medio do Macau e á India a medio de Goa.

  Ben é certo que para facer parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) compre ser un Estado soberano e nós non o somos. Mais a realidade especial de Galicia (un territorio semiautónomo pertencente ao Estado español que, porén constitúe o berce doe corpus lingüístico galego- portugues) podería xerar un status de seu como observador, nunha eventual reforma consensuada das súas normas internas. Por unha banda, contribuiría  ao difícil equilibrio entre a exmetrópoli -o Portugal europeo- e o xigante brasileiro. Por outra banda, a presenza de Galicia na CPLP abriría amplas posibilidades para que o Estado español puidese constituir un segundo aliado na UE dos países lusófonos. Todo serían posibilidades de beneficio, tanto para Galicia e o Estado como para os países da CPLP. Se houber gobernantes intelixentes en Compostela e Madrid este camiño xa estaría percorrido, polo menos en parte.

  Achegarmos á CPLP, achegarmos ás lusofonías, ha ser un obxectivo de País. E por iso compre que todos os partidos, sindicatos e organizacións empresariais, as tres Universidades,o Consello da Cultura, a RAG e todas as Institucións do País promovan e acorden un Plan Estratéxico “ad hoc”, difundido na sociedade e que remate coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia (canda as iniciativas lexislativas que haxa que promover perante o Congreso estatal ).

  O achegamento á lusofonía, canda a posta en valor da rede institucional da Galicia exterior, haberían ser os eixos fundamentais da nosa acción exterior extraeuropea. Para estarmos no mundo e valorizar a nosa cultura e personalidade, mais nomeadamente por mor dos nosos intereses económicos.

  - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.