e-distrito


Baixan os salarios ao tempo que se produce unha forte subida de prezos

Baixan os salarios ao tempo que se produce unha forte subida de prezos

  Galicia é a terceira comunidade cos salarios máis baixos. O INE publicou este xoves a Enquisa Trimestral de Custo Laboral do 4T de 2.016.

  17 marzo 2.017

  O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este xoves a Enquisa Trimestral de Custo Laboral correspondente ao cuarto trimestre do ano 2016, que serve como un indicador da evoución xeral dos salarios. Os datos amosan un descenso no custo salarial ordinario en Galicia, que pasa dos 1.448,48 euros mensuais por traballador do cuarto trimestre de 2015 aos actuais 1.438,94 euros, o dato máis baixo en case catro anos, por debaixo mesmo do nivel acadado a finais de 2013 (1.439,59).

  O diferencial coa media estatal (1.636,2 euros) rolda os 200 euros e amplíase con respecto aos anos anteriores. Galicia é a terceira comunidade autónoma con salarios máis baixos, superando unicamente a Estremadura e Canarias, e por debaixo dos datos de Andalucía, Castela-A Mancha, Castela-León, Murcia ou a Comunidade Valenciana.

  Analizando os datos por sectores, obsérvase como mentres que na industria os salarios manteñen unha leve tendencia á alza (1.654 euros de media, fronte aos 1.614 de hai tres anos), na construción e sobre todo nos servizos, os soldos levan anos en descendo. O custo salarial por traballador na construción en Galicia sitúase nos 1.429 euros ao mes, fronte aos 1.442 de 2013. No sector servizos (no que traballan 3 de cada 4 persoas en Galicia) o salario medio descende ata os 1.387 euros, fronte aos 1.394 de hai tres anos. E por debaixo mesmo dos datos de 2010 e 2011.

  Esta evolución negativa dos salarios coincide no tempo cun forte incremento dos prezos. En febreiro o IPC elevouse en Galicia ata un novo máximo do 3,3% interanual, a maior suba nos últimos cinco anos, impulsados polo incremento no custe da enerxía e o transporte.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.