e-distrito


Opinión: "A liberdade de expresión é prioritaria" por X A Pérez Lema

Opinión: "A liberdade de expresión é prioritaria" por X A Pérez Lema

  Compre precisar que o caso da cidadá Casandra non se refire a un acto de terrorismo no senso xurídico, senón a un acto violento contra o Presidente dun Goberno ilegal e ilexítimo. 

  04 abril 2.017

  Antes de que cuestionemos esta enxurrada de condenas na chamada “Audiencia Nacional” por delictos de expresión relacionados co terrorismo, compre precisar que o caso da cidadá Casandra non se refire a un acto de terrorismo no senso xurídico, senón a un acto violento contra o Presidente dun Goberno ilegal e ilexítimo, nado da subversión armada contra a orde constitucional republicana do 1936 e subseguinte guerra.

  O terrorismo require no noso Dereito Penal dunha intencionalidade de atentar contra a orde constitucional lexítima. E o réxime franquista non o era. Velaí que a amnistía de 1977 impida non só o castigo, senón a propia investigación xudicial a respecto desta caste de delictos violentos anteriores ao 15 de decembro de 1976. 

  Mais, no terreo propio do que si son condutas que conteñen opinións a respecto de auténticos delictos de terrorismo (o que non inclúe o caso de Cassandra) compre aplicarmos o sentido común, que PP e PSOE perderon ao agravar a xa rigorosísima lexislación de Aznar no 2015, das resultas do pacto antiyihadista. É absurdo que no 2015 e 2016 o número de condenas sobarde en máis dun 600% ás do 2011, cando aínda actuaba a banda terrorista ETA. Máis da terceira parte dos recursos materiais deste Tribunal de excepción consúmese xa nesta caste de xuizos. Un despropósito. 

  Desenvolven estas actuacións os Tribunais penais máis condicionados pola maioría pro PP do Consello do Poder Xudicial: a “Audiencia Nacional” que xulga dende Madrid vulnerando o dereito de todos ao xuiz ordinario do noso ámbito territorial e o Tribunal Supremo, que resolve os recursos contra as súas sentenzas. E enxergamos moitas veces dous xeitos de medir, porque non faltan os antigos dirixentes socialistas que xustifican en público o recurso ao GAL e nada se actuou contra deles. Tampouco contra un xornalista e un toureiro que dicían querer eliminar aos adheridos de Podemos. A convivencia democrática require que a liberdade de expresión sexa prevalente. Os fiscais e xuices da democracia non poden perder o seu tempo perseguindo e xulgando chíos propios de mal gosto ou propios de descerebrados na twitter. Compre eliminar xa do Código Penal as condutas que non supoñan un convite directo, real e inmediato á comisión do delicto.

   - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.