e-distrito


A Coruña/ O Concello pechou 2.016 cunha débeda viva de 73 millóns, a máis baixa da última década.

A Coruña/ O Concello pechou 2.016 cunha débeda viva de 73 millóns, a máis baixa da última década.

  O Concello da Coruña pechou a súa liquidación correspondente a 2016 rexistrando un superávit de 27.465.486,85 euros.

  11 abril 2.017

  O Pleno do ordinario do Concello da Coruña foi escenario este luns da toma de coñecemento da aprobación das liquidacións orzamentarias do Concello da Coruña relativa ao ano 2016, así como dos seus entes dependentes. De igual xeito tamén se procedeu a dar información sobre o informe trimestral, emitido polo departamento de Intervención Xeral relativo á execución de Plan de Axuste durante o pasado exercicio. Así, durante a sesión plenaria deuse conta de que o Concello da Coruña pechou a súa liquidación correspondente a 2016 rexistrando un superávit de 27.465.486,85 euros, polo que se acadou o principio de estabilidade orzamentaria e se cumpriu co teito de gasto. O Goberno local proxecta amortizar de forma anticipada, grazas ao superávit resultante da liquidación presupostaria, o pago do crédito solicitado en 2012 polo anterior Executivo local dentro do denominado programa de Plan de Axuste posto en marcha naquel momento polo Ministerio de Facenda e que tiña como destino o pago a provedores. A concelleira de Facenda. Eugenia Vieito, destaca que os resultados do pasado ano revelan "a saúde financeira do Concello da Coruña", que se ve exemplificada no feito de que a finais de ano rexistraba unha débeda viva de 73 millóns de euros a máis baixa rexistrada no ente municipal nos últimos 10 anos. Tan só a liquidación orzamentaria de 2011 rexistrou un resultado máis baixo, neste caso de 70,03 millóns, aínda que neste caso non se incluía na débeda viva municipal  a devolución dos PIEs (Participación dos Ingresos do Estado) correspondentes a 2008 e 2009, polo que se comprende, tendo en conta este factor, que o resultado de débeda viva de 2016 é o máis baixo dos últimos exercicios.

   Ademais, o informe de Intervención indica que a evolución do remanente líquida de tesourería para gastos xerais, por un importe aproximado de 20 millóns de euros, reflexa o aumento "da magnitude financeira do Concello da Coruña a corto prazo". A responsable municipal manifestou que o incremento "vén dado, entre outros factores, pola minoración da cantidade de dereitos que deben ser considerados como de dubidoso cobro, algo motivado, fundamentalmente, pola implantación durante este mandato municipal da nova ferramenta informática de recadación".

  "O Concello da Coruña é un exemplo do que está sucedendo en xeral coa aplicación da normativa de estabilidade orzamentaria nas entidades locais. A diferenza do que sucede noutros niveis de administración, os municipios estamos a cumprir escrupulosamente cos obxectivos marcados", afirma Vieito, quen engade: "Impedir aos concellos poder reinvestir o superávit en prestación de servizos públicos e investimentos para os veciños e veciñas da cidade é máis sangrante se cabe, nunha cidade como a da Coruña, cun nivel de débeda moi inferior ó permitido, perfectamente asumible e, cun custo financeiro moi baixo, despois do refinanciamento levado a cabo por este executivo". "O proxecto de orzamentos do Goberno central non inclúe ningún tipo de novidade a este respecto, algo que nos parece especialmente lesivo para os intereses das administracións locais e, por tanto, da cidadanía. É necesario que se leve a cabo un desenvolvemento normativo que flexibilice a utilización do superávit", indicou a responsable da Concellería de Facenda.

  Derivado de Concello da Coruña.
  Foto: Concelleira de Facenda Eugenia Vieito.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.