e-distrito


“Acusar ao corvo mariño de que non haxa troitas non ten sentido”

“Acusar ao corvo mariño de que non haxa troitas non ten sentido”

  As entidades naturalistas, en contra das reclamacións para autorizar as batidas de canilongas solicitadas por colectivos de pescadores.

  12 abril 2.017

  A polémica tomou forza nos últimos meses sobre todo en Asturias e Cantabria, pero tamén en Galicia. Colectivos de pescadores puxeron en marcha varias iniciativas para solicitar aos gobernos autonómicos a autorización de batidas contra os corvos mariños ou canilongas, tamén coñecidos en castelán como cormoráns (Phalacrocorax). En Galicia, a especie máis abundante é o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo).

  Os pescadores argumentan que esta ave é a principal causante do alarmante descenso da poboación de troitas e salmóns nos ríos do noroeste da Península, co conseguinte prexuízo que isto causa para a pesca deportiva. Engaden que os corvos mariños están protexidos e non poden facer nada ante a depredación de crías por parte desta ave. Afirman, como no caso asturiano, que están “destruíndo os ríos”, polo que chegaron a pedir a eliminación da metade da poboación de canilongas na rexión.

  Galicia é a única rexión na que medrou a poboación nos últimos anos.

  Non en tanto, varias entidades naturalistas responderon a estas solicitudes, criticando o afán por culpar á canilonga da paulatina desaparicións dos salmónidos. Unha das últimas reaccións foi a da Sociedad Española de Ornitología (SEO), que esta semana cualificou a proposta das batidas de canilongas como “ineficaz“. Con todo, SEO sinalaba que Galicia era a única rexión do Estado na que aumentou a poboación de canilongas nos últimos anos.

  Na mesma liña se manifesta Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que sostén que a relación establecida entre a alimentación dos corvos mariños e a desaparición dos salmónidos “carece de base científica; non ten sentido”. González engade que, antes de centrar o foco nas canilongas, habería que reflexionar sobre o impacto doutros factores.

  “Por exemplo, ningún dos grandes encoros de Galicia conta con escalas para que os peixes poidan remontar o leito do río, e iso inflúe gravemente nas especies migratorias”. O presidente da SGHN apunta tamén a outros factores relacionados co home, como “a deficiente calidade das augas polo incumprimento das directivas de depuración da Unión Europea”.

  Especies invasoras

  González tamén achaca a perda de poboación dos salmónidos á introdución de especies exóticas, “moitas veces por parte dos propios pescadores”, como a troita arcoiris, o blackbass (perca americana) ou a carpa.

  O corvo mariño grande viviu o seu momento máis crítico na segunda metade do século XX. A diminución da súa poboación obrigou a poñer en marcha medidas de protección que conseguiron recuperar á especie. Nos últimos anos, a súa poboación experimentou un importante aumento no conxunto do seu hábitat.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.