e-distrito


A Xunta contratou a xestión dos albergues do Xacobeo a OHL por vía de urxencia sen publicidade.

A Xunta contratou a xestión dos albergues do Xacobeo a OHL por vía de urxencia sen publicidade.

  OHL, empresa que aparece nas tramas da operación Lezo e Gürtel, gañou 1´1 millóns de euros máis IVE por un servizo de 6 meses. 

  O goberno argumentou o procedemento sen publicidade por tratarse dun caso de "imperiosa urxencia" pese a que a xestión de albergues e atención a peregrinos responde a unha actuación cotiá e previsible.

  28 abril 2.017

  Alberto Nuñez Feijóo dixo que non lle preocupaban os contratos con OHL, a empresa de Juan Miguel Villar Mir, imputado por financiar ilegalmente ao PP, e de López Madrid, recentemente detido na Operación Lezo. No Pleno do Parlamento, o presidente argumentou que o bipartito tamén contrataba co grupo. O xoves, cando a prensa lle preguntou pola petición de Comisión de Investigación que formalizou o BNG, o mandatario tirou de retranca e preguntouse se querían investigar só os contratos do Executivo do PPdeG ou tamén os da coalición PSdeG e Bloque.

  Dado que o ex-ministro é a sexta fortuna do Estado e os seus tentáculos empresariais no país son numerosísimos e diversos (Ferroatlántica, Serrabal, construción, servizos, etc.), apenas hai gobernante ou administración que non contrate con el. Por exemplo, nos últimos anos OHL levouse varios contratos da Universidade de Santiago e tamén da de Vigo. Con todo, de que xeito estivo a contratar o goberno galego a OHL, a presunta do grupo Villar Mir empresa corruptora?

  Polo menos nun dos últimos casos o modo de contratación é moi rechamante. O Xacobeo adxudicoulle o ano pasado a xestión dos seus albergues. Onte a líder do BNG botoullo en cara a Feijóo no Pleno do Parlamento de Galicia. 

  O contrato a dedo co Xacobeo.

  OHL Servicios Ingesan encargouse dos servizos de atención ao peregrino durante seis meses a cambio de 1,1 millóns máis IVE. O Xacobeo utilizou para esta adxudicación o procedemento negociado sen publicidade. 

  Trátase dunha vía legal, pero que, en principio, non se podería ter empregado par esta adxudicación. O artigo 174 do “Real Decreto Legislativo 3/2011, de 14 de noviembre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Contratos del Sector Público” establece que ningún contrato de servizos se pode adxudicar mediante ese procedemento de superar, como neste caso, os 100.000 euros.

  Para esquivar esta salvidade, o Xacobeo esgrime o artigo 170 e) da citada Lei, que permite o procedemento sen publicidade “cuando una imperiosa urgencia, resultante de acontecimientos imprevisibles para el órgano de contratación y no imputables al mismo, demande una pronta ejecución del contrato que no pueda lograrse mediante la aplicación de la tramitación de urgencia”.

  Nos pregos de contratación publicados pola Xunta, non se explica que motivos de urxencia xustifican a vía sen publicidade. Cómpre ter en conta que a xestión e mantemento dos albergues é unha labor normal e doadamente previsíbel para unha empresa pública creada, precisamente, para xestionar todo o relacionado co Camiño de Santiago.

  Ao empregar o procedemento negociado sen publicidade, a Xunta non tivo porque publicar as bases do concurso no DOG nin en ningún outra publicación. Abondoulle pedir prezo a varias empresas, tres como mínimo segundo a Lei. Con todo, na documentación publicada na Plataforma de Contratación non consta que a Xunta invitase a pedir prezo a ningunha outra compañía.

  Explicación da Xunta

  O departamento de Nava Castro responte porque "a empresa que estaba xestionando o mantemento, comunicou a súa vontade de abandonar o contrato ao que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo tivo que responder con celeridade, pola necesidade de non deixar os Albergues públicos sen servizo de atención e sen limpeza, así como para garantir o pago das nóminas do persoal deste servizo".

  "A inmediatez no remate do contrato existente e os trámites necesarios para poder formalizar un novo contrato harmonizado que se demoran varios meses, xustificaron a necesidade de acudir o procedemento negociado sen publicidade", engade a Axencia de Turismo de Galicia. Superados os seis meses, a Xunta sacou de novo este contrato a concurso aberto, que desta aberta gañou outra empresa, Espina y Delfin.

  O Goberno Galego tamén asegura que, a parte de a OHL, pediu prezo A dez empresas. Sen embargo, na documentación pública sobre este procedemento non hai rastro de que ninguén presentara propostas. Na acordo da adxudicación non se puntuan ofertas.

  Ademais, nos pregos administrativos non se explican os motivos polos que a Axencia di que tirou de procedemento negociado sen publicidade. É dicir, non hai constancia documental pública da urxencia alegada pola Xunta. Turismo tamén indica que non tiña obriga de publicar esta adxudicación na Internet, pero que así o fixo en aras da trasparencia. 

  Derivado de Galicia Confidencial.
  Foto: Villar Mir. Fonte: Sindicato Unitario.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.