e-distrito


"Os medios galegos fan un excelente traballo de fiscalizar á oposición”

"Os medios galegos fan un excelente traballo de fiscalizar á oposición”

  Entrevista con Xosé Hermida, XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa.

  02 maio 2.017

  O vindeiro 4 de maio Xosé Hermida recibirá o XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Os colexiados e colexiadas do CPXG e os socios e socias do Club de Prensa elixírono por diante dos restantes candidatos e candidatas ao galardón (Aslı Erdoğan, Ignacio Escolar, Virginia Pérez Alonso, Peridis e Jorge Ramos). Tralo peche da edición galega de El País, e despois de exercer o xornalismo en Galicia durante tres décadas, Hermida converteuse en delegado do xornal en Brasil. Hermida únese aos premiados e premiadas anteriores, como Jordi Évole, Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas, Mónica García Prieto, Wikileaks, Rosa María Calaf ou Ali Lmrabet.

  Como recibiches a nova do premio? Sabe mellor un recoñecemento que leva o nome de Couso e que, ademais, é elixido polos propios compañeiros e compañeiras de profesión?

  Por suposto que sabe moito mellor. Foi o que dixen dende o primeiro momento, non me imaxino un premio que poida satisfacer tanto como o que che dan os propios compañeiros, síntome moi honrado e mesmo un tanto abrumado. E tamén é unha honra engadida que leve o nome de José Couso, un tipo que non era un xornalista famoso, unha grande estrela, era simplemente un informador a pé de obra que morreu non porque perseguise grandes honores –de feito o seu labor era bastante anónimo- senón porque estaba facendo o seu traballo para que todos nós puidésemos saber o que naquel momento acontecía no Bagdad tomado polo Exército dos EE UU. Para min iso simboliza o máis nobre do xornalismo: o desexo de informar, de cumprir unha tarefa esencial para a sociedade, sen buscar máis recompensa que a satisfacción de contribuír a que a xente teña mais elementos de xuízo para se formar unha idea do mundo.

  Como se explica que nun tempo marcado pola comunicación e a información (disque vivimos na sociedade da información), a profesión viva unha crise tan profunda e os profesionais teñan perdido peso e relevancia?

  Primeiro, calquera cousa en doses excesivas acaba tendo un efecto contraproducente. E esta é unha época de excesos, de aceleración do tempo, de consumo rápido, instantáneo, sen un mínimo repouso para saborear, valorizar e dimensionar as cousas. Iso acontece en moitos aspectos da sociedade, tamén na información. Os xornalistas acabamos sendo escravos que alimentan esa maquinaria insaciable que esixe contidos sen parar, as 24 horas do día, os sete días da semana, sen pausa, sen o mínimo acougo para pensar. Entón acabamos nunha especie de fast food xornalístico, de McXornalismo, poderíamos dicir: servimos cousas para consumo rápido, que enchen moito no momento pero que non alimentan nada. E nese xornalismo de consumo rápido acábase mesturando a información co entretemento, moitas veces xa non sabemos o que é xornalismo e o que é puro espectáculo para entreter ás masas. Alén diso, nos últimos anos, pola mesma dinámica do sistema económico e as súas crises, a propiedade dos medios foi caendo en mans de grandes grupos financeiros, sen tradición neste negocio e con intereses alleos ao xornalismo. E os xornalistas fomos perdendo peso e capacidade de decisión.     

  Como se recupera este papel e a vocación de servizo público que os medios e os profesionais nunca deberon perder?

  Se eu tivese a solución... Tampouco quero ser apocalíptico, hai aínda medios e xornalistas individuais que intentan todos os días que iso non desapareza. O principal é que os xornalistas non perdamos de vista o fundamento e o verdadeiro sentido do noso traballo: informar os cidadáns dos asuntos relevantes para a sociedade sen atender a outro interese que non sexa o público. Non é fácil, pero cando un asume un compromiso –e ser xornalista é asumir un compromiso coa sociedade- non pode deixar de, polo menos, intentar cumprilo. Se vas renunciar a iso, entón deixas de ser xornalista, convérteste en outra cousa: iso que chaman comunicador, relacións públicas, escritor a ditado, showman... O que lle queiras chamar, pero xornalista, non.

  Que perdeu o xornalismo e que perdeu a sociedade galega co peche da edición e da delegación de El País–Galicia?

  Eu non son o máis indicado para falar de iso, son parte demasiado implicada. Modestamente, creo que a información en Galicia perdeu, como mínimo, pluralidade. E tamén perdeu a achega de xornalistas magníficos que foron ao paro, marcharon fóra ou ficaron sen o mellor soporte para poder expresar toda a súa capacidade profesional. Con todo, El País -nunha versión moita máis reducida- aínda conta cun grupiño de xornalistas excelentes en Galicia. 

  Decisións coma esta (o peche da edición e da delegación) explícanse pola primacía de criterios de rendibilidade económica inmediata en vez de considerar outros valores de máis longa traxectoria?

  Os xornais son empresas, o seu propósito é gañar diñeiro. E ademais é importante que sexan rendibles, porque é unha das garantías da súa independencia, de non acabar caendo en mans dos grandes intereses económicos. Claro que esa esixencia de rendibilidade ás veces tamén acaba provocando contradicións co punto de vista puramente xornalístico. De calquera xeito, se o oco que deixou El País Galicia non se puido cubrir será porque á sociedade galega non ten o interese, a capacidade, a demanda, ou o que sexa, de dispor de un medio con esa orientación.

  Exerciches o xornalismo en Galicia durante 30 anos. Como inflúen no traballo diario dun xornalista e no xornalismo que finalmente se publica as características da sociedade galega? Están máis cerca medios e poder, medios e fontes, en Galicia que noutros lugares?

  É un pouco triste dicilo, pero o certo é que a liberdade para exercer a profesión aquí deuma un medio que non está orixinalmente radicado aquí. Refírome a El País, claro. Eu sempre tiven a impresión –e os meus compañeiros da competencia adoitaban estar de acordo- en que desde que entrei a traballar en El País tiven moita máis liberdade que a que tería –ou que a que tiña antes- traballando nun medio galego. Insisto, non é nada que me produza satisfacción. Máis ben melancolía.

  Como valoras a calidade actual do publicado polos medios en Galicia?

  A calidade técnica, digamos o envoltorio, e a competencia dos profesionais, está moi por riba da media española. Outra cousa é o contido da información. Aí... En fin, como di un compañeiro moi intelixente e moi cáustico  “os medios galegos fan un excelente traballo de fiscalizar á oposición”. Non creo que Galicia sexa hoxe una sociedade moi ben informada polos seus grandes medios, nin que estes fagan moitos esforzos por descubrir as cousas que os poderosos tratan de esconder.    

  Que gañou e que perdeu o xornalismo con Internet?

  E un proceso cheo de paradoxos. Gañou que os grandes medios perderon o seu monopolio de formar á opinión pública, de impor unha axenda, de ditaminar o libro que hai que ler, a película que hai que ver e o tema do que hai que discutir. Pero a parte mala do proceso é que os novos medios, moitos deles cheos de frescura, audacia e independencia, non son capaces de crear estruturas xornalísticas fortes como as das empresas tradicionais. E aquelas empresas, cos seus defectos, tamén tiñan virtudes: podían custear a viaxe dun xornalista a unha guerra, podían pagar os soldos de xornalistas que durante meses se dedicasen a investigar unha cousa ou a facer unha única reportaxe... Os novos medios non teñen capacidade para iso, e o xornalismo perde moito con iso. Por outra parte, a rede é ese mundo confuso, revolto, labiríntico, que acaba equiparando todo. E a xente xa non distingue moitas veces entre os díxome-díxome dun blog calquera e unha información ben traballada, rigorosa e profesional.

  Postverdade, sociedades líquidas, relativismo... A multitude de mensaxes, medios, versións e o seu consumo acelerado debilitaron o peso dos feitos?

  É obvio que si. A aceleración descontrolada e a selva na que se ten convertido a rede sementan a confusión. E se os medios que poden combater iso tamén se deixan levar pola tendencia, pois acabamos niso. Pero insisto en que non quero ser apocalíptico nin andar coa idea de que calquera tempo pasado foi mellor. Non, porque agora tamén temos máis instrumentos para desenmascarar as mentiras.

  Que importancia teñen as redaccións, o traballo en colectivo, para o xornalismo?

Básico, imprescindible. E iso é outra cousa que se pode perder. Non sei de quen é unha definición dunha redacción que me encanta: é un lugar onde todo o mundo está discutindo todo o tempo sobre todas as cousas. O xornalismo, ou polo menos a elaboración dun medio de comunicación, é un traballo colectivo. E iso esixe debate, contraste, discusión entre distintos puntos de vista... Porque o xornalismo non é unha ciencia exacta, e só compartindo e contrastando diferentes perspectivas, o produto final pode ser mellorado. Porque unha das bases do periodismo é desconfiar de todo, empezando polo traballo de un mesmo.  

  Como está a xestionar a sociedade brasileira o proceso que acabou co goberno de Rousseff? Cara a onde camiña o país?

  Ninguén, empezando polos propios brasileiros, saben cara onde van. Hai una falta enorme de liderados, só fica o de Lula, pero bastante debilitado polos escándalos de corrupción. A asombrosa trama de corrupción atinxiu a todas as principais forzas políticas e ameaza con derrubar todo o sistema político, algo parecido ao que aconteceu en Italia nos anos 90. Por outra parte, a sociedade está moi polarizada. A maioría das clases medias máis acomodadas desenvolveu un odio visceral ao PT e a Lula, presentado como a fonte de todos os males. Ao mesmo tempo, hai sectores intelectuais e unha ampla franxa de pobres, sobre todo no Nordeste do país, que defenden a Lula contra vento e marea, e minimizan a corrupción, ou mesmo alimentan teorías conspiratorias. É unha situación difícil, chea de incertezas e fascinante para un xornalista.

  É moi distinta a realidade mediática alí. Algo que te sorprendese especialmente?

  Non tanto. Valen algunhas cousas que che dixen para a galega: a calidade técnica é alta, equiparable a Europa, con extraordinarios profesionais. Pero aquí tamén a fiscalización é moi selectivo. Quen siga só os grandes medios brasileiros pode acabar pensando que Brasil era un paraíso das bos costumes públicos, unha especie de Dinamarca tropical, ata que o Lula chegou ao poder.

  Como se observa dende Brasil a realidade española (e europea)?

  Cun distanciamento moi saudable.

  Derivación de Praza.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.