e-distrito


A Coruña/ O Goberno local inicia o proceso para garantir a titularidade pública dos espazos da Solana.

A Coruña/ O Goberno local inicia o proceso para garantir a titularidade pública dos espazos da Solana.

  Implica unha modificación puntual do Plan Xeral para recuperar a titularidade pública que se perdera durante a tramitación do PXOM en 2.013 sendo alcalde Carlos Negreira.

  A Xunta de Goberno local da hoxe venres luz verde a esta proposta de modificación, cuxo expediente foi iniciado a raíz de diversas mocións tanto do grupo de Goberno como do PSOE e BNG aprobadas pola Cámara municipal nas que se pedía garantir a titularidade pública dos terreos.

  05 maio 2.017

  A Xunta de Goberno local da luz verde na súa reunión de hoxe á proposta da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, dirixida por Xiao Varela, para o inicio do proceso para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña no que atinxe ao parque deportivo actualmente ocupado polo complexo de A Solana. Isto será posible coa aprobación do borrador da modificación puntual e o documento ambiental estratéxico. A modificación tanto inicial, como provisional, e definitiva desta modificación terán que ser, non obstante, posteriormente aprobadas polo Pleno municipal. O obxecto desta modificación puntual do PXOM é mudar a titularidade privada do espazo libre comprendido nesta parcela a titularidade pública. Esta modificación entronca coas distintas mocións aprobadas pola Cámara municipal o pasado 9 de xaneiro de 2017 presentadas tanto polo grupo de Goberno como polo PSOE e polo BNG e nas que se reclamaban medidas que garantisen a titularidade pública do Complexo da Solana. "Precisamente, á vista das mocións aprobadas polo Pleno municipal iniciamos este expediente de modificación puntual do PXOM co obxectivo de cambiar a titularidade privada do espazo referido por pública", explica o titular de Rexeneración Urbana.

  O ámbito afectado por esta modificación puntual está situado entre a Avenida do Parrote e o Paseo Marítimo. Inicialmente esta zona gañada ao mar pertencía ao dominio público marítimo terrestre, e no mesmo se asentaba a coñecida como Praia do Parrote. Foi durante a tramitación do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2013 cando as determinacións contidas sobre estas parcelas foron modificadas, xa que en 2009 o Pleno municipal dera o visto e prace a que tanto a parcela na que se asenta o Hotel Finisterre como o complexo da Solana estivesen incluídas no sistema xeral de espazos libres, con carácter público. "A parcela obxecto desta modificación puntual xa está destinada aos usos previstos polo planeamento. Unicamente o que facemos é modificar o seu carácter, de local a xeral, para recoller o feito de que os usos existentes están ao servizo do conxunto da cidade. É un paso máis para garantir a titularidade pública destes terreos", indica Varela. "Este espazo libre é un elemento clave que conforma a fronte mariña da cidade da Coruña, e polo tanto resulta de especial interese a preservación das características que o definen", engadiu.

  Ademais, segundo explica o edil, esta modificación puntual tamén servirá para preservar o valor patrimonial que ten a zona. A parcela obxecto da presente modificación puntual é lindeira coas antigas murallas defensivas da cidade, elemento catalogado co máximo nivel de protección monumental. "Debido a que mantemos a cualificación e o destino da parcela, non se prevén efectos relevantes sobre o patrimonio cultural. Pola contra, o feito de que os terreos teñan titularidade pública redundará sen dúbida nunha mellora de cara a conservación do ben catalogado", salientou.

  "En definitiva, esta modificación puntual dá resposta a intención de garantir o carácter público do espazo libre destinado a parque deportivo que conforma o complexo da Solana. Cremos que o impacto sobre a sociedade será significativamente positivo, xa que recuperamos para o patrimonio público esta superficie de solo", explicou.

  Derivado de Coruña.gal.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.