e-distrito


Anticorrupción denuncia a Iberdrola por inchar o prezo da luz cos seus encoros.

Anticorrupción denuncia a Iberdrola por inchar o prezo da luz cos seus encoros.

  A empresa tería obtido un "lucro ilícito" de 20 millóns de euros en vintecatro días. O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno admitiu este xoves a trámite a denuncia.

  Segundo o supervisor estatal, en plena vaga de frío Iberdrola decidiu retirar capacidade de produción para elevar o prezo de mercado.

  12 maio 2.017

  O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno admitiu este xoves a trámite unha denuncia do fiscal anticorrupción Antonio Romeral contra Iberdrola. A eléctrica está acusada de artellar un plan para alterar o prezo da luz e obter "un lucro ilícito de 20 millóns" entre o 30 de novembro e o 23 de decembro de 2013, coincidindo cunha vaga de frío e empregando para a manipulación os seus encoros galegos do río Sil, ademais das centrais hidroléctricas que explota nos ríos Douro e Texo.

  Segundo a demanda adiantada este xoves por El País a Fiscalía acusa a eléctrica "por un delito contra o mercado e os consumidores do artigo 281 do Código Penal". "Coa finalidade de lucrarse ilicitamente", indica o Ministerio Público, Iberdrola "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía, máis alá do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e a demanda". É a primeira vez que a Fiscalía Anticorrupción leva aos tribunais penais a unha compañía eléctrica.

  Desemboca así un procedemento xudicial que a finais de 2015 xa dera lugar a unha sanción de 25 millóns de euros a Iberdrola por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Segundo o supervisor estatal a eléctrica que preside Ignacio Sánchez Galán era "consciente da existencia dun escenario de elevada demanda" de consumo eléctrico, unha vaga de frío, e "decidiu retirar unha capacidade de produción" das centrais para "elevar o prezo do mercado". Naqueles días, concretamente durante a ponte do 6 ao 8 de decembro, o prezo do megavatio por hora chegou aos 90 euros, o máis alto dende o ano 2002.

  Segundo o expediente ditado daquela pola CNMC a conduta de Iberdrola foi "moi grave" e por iso merecía a elevada sanción de 25 millóns. O xigante eléctrico levou esta decisión ante a Audiencia Nacional, o mesmo tribunal no que a empresa será investigada, que decidiu suspender cautelarmente o pagamento, unha decisión adoptada contra o criterio tanto de Competencia como da Avogacía do Estado. Para Iberdrola esta suspensión cautelar debera tornar en definitiva xa que, dixo, a CNMC interpretou incorrectamente o sucedido e sancionou a partir de "hipóteses e "xuízos de valor".

  Galicia.

  Unha das centrais sobre as que se pousa a lupa da Fiscalía e agora, tamén da Audiencia, é a que Iberdrola explota na contorna dos Peares, o concello lindeiro entre as provincias de Lugo e Ourense onde o pasado xaneiro Sánchez Galán inaugurou, a ampliación do seu encoro. A obra inaugurada foi, concretamente, a ampliación da central San Pedro II, que produce enerxía eléctrica aproveitando a forza do río Sil ao seu paso por Nogueira de Ramuín, uns traballos que a eléctrica definiu como "broche final" para o "maior complexo hidroeléctrico de Galicia".

  Derivado de Praza.
  Foto: Eldiario

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.