e-distrito


O 99 por cento dos galegos somos primos (en 11º grao)

O 99 por cento dos galegos somos primos (en 11º grao)

  Os estudos en xenética de poboacións adoitan determinar un número de devanceiros sensiblemente menor ao agardado.

  26 maio 2.017

  A mediados deste mes, Santiago e A Coruña acolleron a segunda edición de Pint of Science en Galicia. Unha das conferencias, a cargo de Antonio Salas Ellacuriaga, investigador do Grupo de Medicina Xenómica da USC, e experto en xenética de poboacións, abordaba a historia do ser humano a través dos seus xenes baixo un suxestivo título: ‘Isto pinta a que todos somos “primos”‘.

  Os datos extraídos a partir de estimacións matemáticas expoñían, entre outras cifras interesantes, que existía unha probabilidade do 99 por cento de que todos os galegos fosemos curmáns en undécimo grao. Era iso certo? Como quedamos coa dúbida, decidimos preguntarlle a este científico que destaca, entre outros moitos traballos, polo seu estudo sobre a orixe dos escravos africanos en América que lle valeu importantes recoñecementos a nivel internacional.

Fórmula para o cálculo da probabilidade de consanguinidade.

  Fórmula para o cálculo da probabilidade de consanguinidade.

  “Facendo un cálculo aproximado, poderiamos dicir que existe unha probabilidade de arredor do 99 por cento de que dous galegos escollidos ao azar da poboación estean emparentados en grao 11“, confirma Salas. Con todo, e coma en todo, hai algún pequeno matiz, e a realidade é moito máis complexa que o simple dato. Pero si se pode facer esa estimación. “É tan só unha aproximación e un valor medio, xa que cada persoa ten, obviamente, un pasado xenealóxico diferente que habería que estudar de xeito específico”, expón.

  O cálculo deste parentesco entre primos, a grandes trazos, segundo explica Antonio Salas, realízase tendo en conta “a xeración á que nos queremos remontar e, por ende, ao número necesario de devanceiros xenealóxicos, así como ao tamaño poboacional estimado na xeración” que queremos calcular.

  Que Galicia sexa unha terra de emigrantes e de pouca inmigración inflúe de xeito inequívoco nesta particularidade. Así, nos casos de poboacións pequenas e próximas, este grao de parentesco redúcese até, aproximadamente, os 225 anos. Engade Antonio Salas que “isto deixou unha certa pegada xenética na poboación. E en consecuencia, no eido da biomedicina, observamos que existen determinadas mutacións asociadas a patoloxías que son máis prevalentes en Galicia e, en ocasións, en certas zonas da nosa comunidade”, como é o caso da ictiose conxénita ou os cancros de mama e ovario.


  Con todo, esta proximidade sanguínea non é só cousa de Galicia, xa que tamén ocorrería en todas aquelas zonas con tamaños históricos poboacionais pequenos e con pouca taxa de inmigración. “Nestes últimos anos traballamos con datos de moitos grupos poboacionais de distintas partes do mundo e a tendencia é ver uns niveis importantes de ‘consanguinidade‘ internacional”. Salas conclúe, por tanto, que esta situación é un xeito de entender a condición humana. “Todos os habitantes da Terra somos parte dunha gran familia, cuxos membros están fortemente emparentados, xenealóxica e xenéticamente”, sentenza.Tal e como explicou Salas en Pint of Science, para entender que necesariamente todos temos que estar fortemente emparentados, hai que pensar, entre outros moitos factores, no concepto do ‘colapso de pedigree‘. É dicir: o número dos nosos antepasados reais sempre vai ser menor que o número de antepasados teóricos. Estes últimos “medran seguindo unha función exponencial 2n,(é dicir, dous pais, catro avós, oito bisavós, dezaséis tataravós, etc.) pero todos sabemos que a poboación mundial aumenta do pasado ao presente, e non ao revés”, revela  o xenetista. Amais, “outro dos factores que teriamos que ter en conta cando pensamos no noso pasado xenealóxico e xenético sería a cuestión da ‘non paternidade’ biolóxica, presente seguramente nunha boa porcentaxe de todos as nosas árbores xenealóxicas”; noutras palabras: os fillos bravos.

  Derivación de GCiencia.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.