e-distrito


Manifestación de ciclistas para reclamar o seu dereito a circular nas estradas

Manifestación de ciclistas para reclamar o seu dereito a circular nas estradas

  Centos de ciclistas concentráronse este domingo en Santiago para reclamar o fin da súa "vulnerabilidade" nas estradas así como para reivindicar a bicicleta como "medio social, deportivo e saudable".

  Piden a creación dunha brigada de "axentes ciclistas camuflados" para velar pola seguridade nas vías públicas.

  29 maio 2.017

  Centos de ciclistas concentráronse este domingo na Praza do Obradoiro de Santiago para reclamar o fin da súa "vulnerabilidade" nas estradas e que sexan considerados como "un usuario máis" das vías de circulación, así como para reivindicar a bicicleta como "medio social, deportivo e saudable".

  Na mañá do domingo, centenares de bicicletas chegaron ao Obradoiro para lembrar aos falecidos nas estradas e chamar ás autoridades a reformar o Código Penal e o Código de Circulación co obxectivo de pór freo aos atropelos de ciclistas e que estes, cando se produzan, sexan castigados.

  Os participantes na concentración, que tamén se viviu en moitos puntos da xeografía española, gardaron un minuto de silencio en memoria dos "compañeiros" falecidos nas estradas e, tras a lectura dun manifesto, realizaron unha ofrenda floral ante o Apóstolo.

  "Queremos que as nosas familias non nos despidan cando saímos cun "ten coidado", senón cun "pásao ben, desfruta" ", proclamaron antes da lectura do manifesto no que, entre outras reivindicacións, reclamaron a reforma do Código Penal e que a "imprudencia, en calquera dos seus graos" sexa tipificado como delito.

  Ademais, os ciclistas pediron a creación dunha brigada de "axentes ciclistas camuflados" para velar pola seguridade nas estradas, a intensificación dos controis de alcol e drogas e o reforzo das tarefas de control por parte do helicóptero Pegasus da DGT.

  Así mesmo, propuxeron que se reduza a velocidade durante os fins de semana naqueles tramos frecuentados por ciclistas, así como a elaboración de "campañas en positivo" de concienciación sobre o respecto entre usuarios das vías, a creación dunha materia de Seguridade Viaria na educación primaria e o impulso dun plan estratéxico para pór fin aos atropelos.

  Derivación de GConfidencial.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.