e-distrito


O Fiscal xefe de Anticorrupción español é copropietario dunha sociedade en Panamá.

O Fiscal xefe de Anticorrupción español é copropietario dunha sociedade en Panamá.

  O Fiscal Anticorrupción é dono dende 2012 do 25% dunha empresa radicada nun dos principais paraísos fiscais do mundo, según revelou Infolibre.

  Esta compañía, Duchesse Financial Overseas, é propietaria dun chalé valorado en 550.000 euros no municipio madrileño de Collado Villalba

  "Es ético que los hijos hereden de los padres", respondeu o fiscal xefe de Anticorrupción en declaracións a La Sexta. A Fiscalía Xeral do Estado considérao un "asunto personal".

  Actualizado a 01 de xuño: Manuel Moix dimite.

  30 maio 2.017

  O fiscal xefe de Anticorrupción, Manuel Moix, é dono desde 2012 do 25% dunha empresa radicada en Panamá, un dos principais paraísos fiscais do mundo. Os seus irmáns teñen o resto da propiedade. Á súa vez, esta compañía (Duchesse Financial Overseas) posúe un chalé valorado en 550.000 euros no municipio madrileño de Collado Villalba onde residían os pais do fiscal, segundo desvelou este luns Infolibre.

  O xornal revela que a familia Moix-Blázquez levaría a cabo unha operación para ocultar quen eran os donos do inmoble a través da sociedade panameña. O chalé foi comprado en outubro de 1986 por Manuel Moix Martínez, pai do fiscal e inspector de Traballo, para a súa sociedade de gananciales. En xuño de 1987, o matrimonio constituíu unha hipoteca con Caja Madrid a cambio dun préstamo de 14 millóns de pesetas e, en febreiro do ano seguinte, deciden realizar a operación de trasladar a propiedade do chalé á sociedade panameña.

  A constitución de Duchesse Financial Overseas data do 4 de xaneiro de 1988. Só un mes e medio despois, a empresa compra o chalé de Collado Villalba e está representada no acto de compra por Margarita Moix. A irmá maior do fiscal fora apoderada pola empresa o 25 de xaneiro de 1988, ante o notario panameño Sergio Pérez Saavedra.

  Os catro irmáns Moix-Blázquez herdaron o control da empresa panameña e da súa propiedade en España tras o falecemento da súa nai en 2008 e do seu pai en 2011. "Es ético que los hijos hereden de los padres", respondeu o fiscal xefe de Anticorrupción en declaracións a La Sexta esta mañá. O inmoble consta de tres plantas, con 6 dormitorios, 5 baños e dous salóns. Tamén conta cunha adega e piscina cuberta. Nela residían os pais do fiscal e, desde hai dous anos, atópase á venda.

  Segundo revelou Infolibre este martes, Moix daría a súa versión a través doutro medio, El Español, tras ser advertido de que se publicarían os feitos. O fiscal sostén que a sociedade está declarada a Facenda, que tras a morte do seu pai os catro irmáns pagaron os impostos sucesorios e que a disolución de Duchesse Financial Overseas non se levou a cabo debido á situación económica dalgún dos herdeiros.

  O xefe de Anticorrupción tamén asegura que os catro irmáns coñeceron a existencia da empresa tras a morte da súa nai en 2008, aínda que, segundo a información orixinal de Infolibre, a irmá maior actuou como representante da compañía en 1988, cando adquiriu o chalé de Collado Villalba.

  A Fiscalía Xeral do Estado evitou facer ningún comentario sobre a noticia. Fontes desa fiscalía aseguran que se trata de "un asunto persoal" e que é o propio Moix quen decide se dá ou non explicacións.

  Derivado de ElDiario.
  Foto de arquivo: Manuel Moix con Ignacio González.

Ver todas as noticias

© 2017 E-distrito. Todos os dereitos reservados.
Queda rigorosamente prohibida a reprodución total e/ou parcial, por calquera medio ou procedemento, do contido (incluíndo textos, fotografías, imaxes, e vídeos entre outros) existente en www.e-distrito.com, sen autorización expresa. www.e-distrito.com non adquire responsabilidade sobre a veracidade ou exactitude da información descrita. As seccións Axenda e Noticias son as únicas onde se exceptúa o anterior copyright para pasar a CC BY-SA.
E-distrito adica o 0,7% dos seus beneficios a fins de interese social, erradicación da pobreza e marxinalidade, preservación do medio, desenvolvemento sostible e defensa dos animais.